ESTREA DE «PRADOLONGO», DIRIXIDA POR IGNACIO VILAR

27 / 02 / 2008

Trátase dunha película sobre a perda da amizade protagonizada por un grupo de rapaces que veñen de alcanzar á maioría de idade, e que chegará aos cines galegos a partir do 14 de marzo. Rodada vinte anos despóis de Sempre Sonxa e case nas mesmas localizacións de Valdeorras, o director Ignacio Vilar retoma o espíritu daquel filme mítico.

Parte dos actores foron elixidos a partir de castings realizados en diversos institutos, dos que xurdiu un dos protagonistas: Roberto Porto. A película achegarase aos rapaces de toda Galicia mediante presentacións en institutos, charlas e coloquios. PRADOLONGO está protagonizada por Rubén Ríos (“Libro de Familia”), Tamara Canosa (“Días Azuis”, “Heroína”) e o debutante Roberto Porto.
O verán preséntase como todos os demáis, con festas, tardes no río…pero esta
vez nada vai ser igual. PRADOLONGO é a historia de tres amigos da infancia que veñen de cumprir a súa maioría de idade. O amor que Martiño e Armando comezan a sentir por
Raquel e a poible venda de Pradolongo, a louseira do pai de Armando, obrígaraos a reconsiderar os seus soños e os vínculos que os mantiveron unidos dende a infancia.

Ésta é a premisa do novo filme de Ignacio Vilar (“Un bosque de música”, “Ilegal”, etc), un filme rodado en galego de Valdeorras cun equipo técnico e artístico integrado por profesionais do noso audiovisual, en paraxes naturais dos concellos de Petín, A Rúa, O Barco, Vilamartín, A Veiga e Carballeda.

Esas paisaxes son tamén protagonistas da historia, onde o espectador poderá abraiarse con espazos como A Lagoa de Ocelo en Pena Trevinca (as montañas mais altas de Galicia) e as canteiras de louxa do Concello de Carballeda, localizacións que fixeron da rodaxe unha aventura en si mesma, dado as enormes dificultades técnicas que conlevaron.

Estos espazos serven de marco a unha historia protagonizada por rapaces cunha clara vocación de achegarse ao público novo, para o que se desenvolverá por parte dos actores e o director unha campaña en institutos, asociacións, e colexios que percorrerá toda Galicia, onde os rapaces poderán coñecer de primeira man os segredos e curiosidades do mundo cinematográfico.

Na película sona “Quen pudera namorala”, a peza clásica baseada no poema de Álvaro Cunqueiro coa música de Luis Emilio Batallán, á que se lle da unha nova orquestación e tratamento cinematográfico.

O equipo de PRADOLONGO estará mañá xoves 28 de febreiro e o venres 29 en institutos e espazos de A Rúa (Cosme López, Pablo VI, Casino de A Rúa), Sobradelo (CPI Tomás Terrón), O Barco (Martaguisela e Lauro Olmo), Trives (Xermán Ancochea), Viana do Bolo (Carlos Casares) e rematando cunha presentación especial no Concello de O Barco.

Producida por Vía Láctea Filmes PRADOLONGO conta coa participación de TVG e
coa axuda da Dirección Xeral de Creación en Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, da Axencia Audiovisual Galega, da Deputación de Ourense, asi como coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual e Turgalicia.

A película comezará a chegar aos cines galegos a partires do vindeiro 14 de marzo. O equipo está a vosa disposición para atender aquelas peticións do voso intererese. Para elo podedes poñervos en contacto con Alberto Pereira no 655 811 714 ou no correo electrónico alberto@albertojackson.com.

Podedes ademáis atopar diverso material e información na páxina web de Vía
Lactea Filmes: www.pradolongo.net

Categoría: Noticias
Etiquetas: