ENTRÉGANSE NA CIDADE DA CULTURA OS PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2011

14 / 12 / 2011

A Biblioteca da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela acollerá ás 20:00 horas de mañá xoves, 15 de decembro, o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2011, convocados pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Unha das galardoadas será a actriz María Pujalte.

Os Premios da Cultura Galega 2011, cos que a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia distingue ás persoas e institucións galegas que traballan nos distintos campos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio cultural, e da actualización e difusión deste capital intelectual, outórganse en 7 modalidades. Na de creación audiovisual, un xurado plural formado por figuras de relevo da cultura galega concedeullo á actriz María Pujalte, en recoñecemento a súa importante carreira profesional desenvolvida no cine, na televisión e no teatro. Outros galardoados son o escritor Arcadio López Casanova, na categoría de Letras; o escultor Manolo Paz, na de Artes Plásticas; o dramaturgo Quico Cadaval, na de Artes Escénicas; a Fundación Aquae Querquennae, na de Iniciativas en pro do Patrimonio Cultural; o gaiteiro Carlos Núñez, na de Promoción Cultural de Galicia; e o compositor Rogelio Groba, na de Música.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: