ENTREGADOS OS PREMIOS DO VII CERTAME DE VÍDEO SECUENCIACERO DE VIGO

26 / 10 / 2010

O sábado, 23 de outubro, concluíu, no Museo Verbum de Vigo, o VII Certame de Vídeo SecuenciaCero, que viña celebrando no devandito recinto desde o día 21 organizado polo colectivo que lle dá nome. Gañaron Protopartículas, 3 tristes tigres, Homogenics e A loura de Piñeiros Ponte.

 

Competiron no certame unha vintena de traballos, repartidos en tres seccións. Un xurado formado polos directores Javier Chillón, Chus Domínguez, Vincent Gisbert e David Moreno, que gañaron o concurso o pasado ano, foi o encargado de elixir os gañadores. En ficción, decantouse por Protopartículas, de Chema García Ibarra; en documental, por 3 tristes tigres, de David Muñoz; e en videocreación, por Homogenics, de Gerard Freixes. En canto ao público, optou polo curto de ficción A loura de Piñeiros Ponte, de Vicente Villanueva. 

Os galardóns de SecuenciaCero no seu tres categorías, denominados Trofeos Castaña, non son premios en metálico, senón obras de arte. Nesta ocasión, tratouse de cadros orixinais do pintor vigués Ton Carbajo. Pola súa banda, o premio do público consiste nuns obsequios do Museo Verbum. En paralelo ás proxeccións, púidose gozar durante o certame da videoinstalación Samil Plurinihilista, do artista vigués Perrucas. Así mesmo, en clausúraa e entrega de premios houbo un monólogo de Cándido Pazó.

Categoría: Noticias
Etiquetas: