V Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual

28 / 06 / 2021

  • Lara Bacelo, Iván Villarmea e Manuel Barreiro son os gañadores da quinta edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual.
  • Os traballos de Igor Ferández e Severiano Casalderrey foron recoñecidos con cadanseu accésit.
  • O xurado estivo formado polo crítico e programador Brais Romero, o editor, produtor e docente Gaspar Broullón e a cineasta e tamén docente Xisela Franco.

A Academia Galega do Audiovisual celebrou hoxe, luns 28 de xuño, na sede da Deputación da Coruña, a entrega de premios da quinta edición dos María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual.

Nesta ocasión a Deputación da Coruña foi a anfitrioa, e estivo representada Xurxo Couto, presidente da Comisión de Cultura, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística. Contou coa presenza de María Tareixa Ferreiro, Vicepresidenta e responsable da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Patricia Torres Madureira, Deputada de Cultura Deputación de Ourense, Ana María Mejías Sacaluga, Deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial da Deputación de Pontevedra e Álvaro Pérez Becerra, Presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Unha das novidades deste ano foi a retransmisión do evento en streaming, a través da canle de YouTube da Academia. E como xa sucedera na cuarta edición, volveuse contar coa presenza dunha persoa encargada de presentar a entrega dos premios; nesta ocasión foron dúas: as poetas Lucía Aldao e María Lado, ou o que é o mesmo, Aldaolado.

O xurado formado polo crítico e programador Brais Romero, o editor, produtor e docente Gaspar Broullón e a cineasta e tamén docente Xisela Franco outorgou tres premios e dous accésit e declarou deserta a categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual galego.

Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego

O traballo premiado foi Hai alguén aí? O reto das novas plataformas e o futuro dos nosos medios públicos, de Manuel Barreiro.

O xurado destacou “a súa capacidade para poñer o foco na realidade do cambio de paradigma audiovisual no que estamos inmersos, con perspectiva de territorio e ecosistema, desde un discurso crítico e comprometido, manexando con propiedade os referentes académicos axeitados para un estudio destas características”.

Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional

O traballo premiado foi Barcos ao garete. Formas de esperanza radical no cinema da austeridade, de Iván Villarmea.

O xurado salientou “a súa capacidade para combinar unha investigación exhaustiva e un exquisito sentido do humor, á vez que traza unha liña entre filmes que van desde o blockbuster ata o cinema de autor; porque a esperanza é o último que debemos perder e é o que este texto busca recuperar de entre os escombros da austeridade”.

Nesta categoría foi distinguido cun accésit o ensaio O activismo en forma de cinema: “Challenge for Change/Société nouvelle” (1967-80) de Severiano Casalderrey.

En palabras do xurado “Por poñer o ollada na importancia histórica do programa revolucionario de creación de cinema Challenge for Change/Société nouvelle (1967-1989) da National Film Board of Canada, facendo un percorrido polas distintas etapas deste proxecto pioneiro, focalizando a análise na especial calidade, relevancia e impacto das curtametraxes producidas. Cremos oportuna esta análise dun tema bastante esquecido e así visibilizalo para mostralo como modelo inspirador para o cambio social desde a vinculación entre activismo e cinema documental, producido ademáis por unha institución pública coa intención de dar voz aos oprimidos. Un traballo de ensaio escrito rigoroso e necesario que ben pode servir como referente para o noso modelo galego”.

Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional

O traballo premiado foi Muller, interior, de Lara Bacelo.

O xurado valorou “a súa capacidade expresiva na montaxe xerando novos significados na asociación de imaxes e sons seleccionados dunha vintena de filmes autorais relacionados pola idea da muller pechada no espazo interior. Pola súa facultade para formular un diálogo entre escenas de películas moi pertinentes, trazando unha viaxe psicolóxica e emocional moi ben executada, editada con precisión, que logra unha experiencia cinematográfica catártica. Polo seu compromiso co feminismo, mirada optimista, e a súa reivindicación do cinema como ferramenta liberadora que rompe os confinamentos da propia historia da muller, demostrando a virtude do cinema como utopía liberadora das cadeas. Tamén, nestes tempos difíciles, por convertir o confinamento por Covid-19, en algo constructivo: facer películas con outras películas”.

Nesta categoría foi distinguido cun accésit o videoensaio As mans de Luis Buñuel: Tradición, crenza, baixeza e surrealismo, de Igor Fernández.

En palabras do xurado “Por aproximarse desde unha mirada nova e orixinal á filmografía dun director moi estudado como é Luis Buñuel, e por focalizase na singularidade da comunicación non verbal, concretamente os xestos da mans; pola delicadeza da súa montaxe, o uso do texto, e o ritmo case místico que atrapa ao espectador”.

Por primeira vez na historia dos premios, unha categoría foi declarada deserta “ante a inexistencia de propostas candidatas que reúnan a calidade técnica e profundidade discursiva merecedora de galardón, o xurado decide deixar deserta a categoría de Mellor Videoensaio sobre Audiovisual Galego, na confianza de que vindeiras convocatorias retomarán con forza o pulo estético e narrativo que comparten as restantes categorías do premio así como as obras anteriormente merecedoras de galardón nesta categoría hoxe deserta”.

Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura da escritora e xornalista María Luz Morales. Contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantívose en activo ata os 91 anos de idade.

Etiquetas: