EDUARDO BAUTISTA FALOU DA DIVERSIDADE CULTURAL: O QUE NOS FAI DISTINTOS NON DEBE FACERNOS DISTANTES

18 / 12 / 2004

Para o presidente da SGAE, Eduardo Bautista, a diversidade cultural é unha redundancia, xa que a cultura ten que apuntalarse nos piares que a definen, e que non son outros que a diversidade. A cultura é interdisciplinar, ou non é cultura, e non se pode plantea-lo concepto en toda a súa riqueza se non se acepta esta premisa, afirmou. A cultura do século XXI precisa dunha plataforma de carácter industrial, e segundo Bautista, non haberá cultura nos próximos anos se non se crea esta industria e non se afianza ben. Camíñase nesa dirección, e é nela na que hai que buscar solucións. Foi contundente afirmando que cómpre rematar cos discursos banais que negan isto.
EDUARDO BAUTISTA FALOU DA DIVERSIDADE CULTURAL: O QUE NOS FAI DISTINTOS NON DEBE FACERNOS DISTANTES

O presidente da SGAE participou no II Congreso Galego Audiovisual

Santiago, sábado 18 decembro 2004.- Para o presidente da SGAE, Eduardo Bautista, a diversidade cultural é unha redundancia, xa que a cultura ten que apuntalarse nos piares que a definen, e que non son outros que a diversidade. A cultura é interdisciplinar, ou non é cultura, e non se pode plantea-lo concepto en toda a súa riqueza se non se acepta esta premisa, afirmou. A cultura do século XXI precisa dunha plataforma de carácter industrial, e segundo Bautista, non haberá cultura nos próximos anos se non se crea esta industria e non se afianza ben. Camíñase nesa dirección, e é nela na que hai que buscar solucións. Foi contundente afirmando que cómpre rematar cos discursos banais que negan isto.

A cultura non existe sen o público, e viceversa. O artista existe porque o público o demanda. A cultura cristalízase no diálogo do creador e o público, é o elemento de cohesión social e non hai outro. Un país como España, afirmou o presidente da SGAE, a natureza fragmentaria da cultura é un valor engadido, e o que nos fai distintos, non debe facernos distantes.

O que fai camiñar ós países é a xente, non os políticos. No espacio civil é onde se constrúe a diferencia entre os países. O fenómeno audiovisual sofre un ataque feroz, porque hai quen non entende que hai unha industria cultural e desvirtúa outras propostas por non ser competitivos coas súas, dixo Eduardo Bautista, que incidíu en que os americanos queren o 100 por cento da cultura e todo o que xeran fano en función disto con acordos multilaterais, por iso, cómpre telos en conta e armarse para non desaparecermos culturalmente.

A diversidade cultural debe ter en cada pobo un espazo de soberanía onde empraza-los seus productos. A diversidade non é só un tema que atinxa ós acordos multilaterais, senón que a creación da propia identidade é a suma das diversidades. Precísase, afirmou tamén, dunha estratexia o máis interdisciplinaria posible para a defensa da diversidade cultural, e debemos aterrizar nunha plataforma europea. A diversidade cultural é un dereito constitucional porque así o recolle –dixo- tanto a constitución española como a europea que se votará en xaneiro.

Afirmou tamén que se a cultura francesa tivo éxito, é porque foi mestiza, unha condición esta que tamén comparte España e que se acentúa por mor da recepción de emigrantes. A SGAE propón, segundo Eduardo Bautista, unha coalición nacional que fomente o diálogo, porque cómpre falar máis. O Goberno debe comprometerse a evtar acordos que devalúen o ámbito cultural, apoia-lo patrimonio porque é o que enriquece, e crear un observatorio onde dar a coñecer avances e denuncia-los retrocesos.

Noutro orde de cousas, falou do acordo coa Federación de artistas e productores aglutinados na FAPAE porque é importante unir ó productor co creador. A coalición está aberta para recibir ás Academias que apoien esta idea, algo que lanzou concienzudamente como mensaxe á Academia Galega do Audiovisual.

A plataforma do cine ten vida, dixo tamén, e o discurso interior non debe exteriorizarse para desviar obxectivos.

Pola súa parte, Giacomo Mazzone –adxunto ó secretario xeral da UER e responsable de estratexias de tv para a Unión Europea de Radio e Televisión-, falou da OMC, que suporá unha reducción dos dereitos que hoxe temos en Europa, como as axudas á prensa, supresión da propiedade dos medios, e supresión de axudas á cinematografía. Falou de que está estudado o qué, cómo e cándo da plataforma europea. Dixo que se estaba propoñendo un pacto de sostibilidade, para o necesario equilibrio que permita desenvolver proxectos audiovisuais. Este non é só un problema –dixo- europeo, xa que tamén atinxe a Canadá. EEUU fai acordos bilaterais para que quen os asine, acate toda a súa filosofía que aplican ó ámbito cultural. Puxo o caso de México, que asinou o tratado de libre comercio, e que foi ameazado cando quixo aplica-lo modelo francés no cine. Rematou lembrando que o rodaxe ó inglés nos Estados Unidos é imposible, pola política proteccionista do país.

Categoría: Noticias
Etiquetas: