DOENTES, PELÍCULA PRODUCIDA POR FILMANOVA ESTREARASE O VINDEIRO XOVES NA TVG

15 / 05 / 2013

A TVG estreará o vindeiro xoves 16 de maio a película DOENTES, participada pola Televisión Galega e producida por Filmanova. O filme DOENTES está baseado nunha obra teatral homónima de Roberto Vidal Bolaño. Realizada por Gustavo Balza en 2010, Antonio Durán Morris e Xosé Manuel Olveira Pico son os protagonistas principais neste filme, que conta no reparto cun amplo elenco de actores galegos. Esta estrea forma parte da programación especial que os medios públicos galegos volven prestar á celebración da festa das letras galegas, o vindeiro 17 de maio, dedicada ao homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002), durante toda esta semana. Ademais da cobertura informativa dos principais actos e actividades que se desenvolvan con motivo da efeméride, achegaranse a través de distintos programas, perfís sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño, especiais sobre a súa obra e vida, así como a emisión de documentais e películas relacionados co autor compostelán.

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: