Boas noites.
É un pracer pra min estar esta noite aquí con tantos compañeiros e compañeiras de profesión. Grazas a todos por vir. E quero da-las grazas tamén ás entidades patrocinadoras que nos apoiaron un ano máis e persoas que, coa súa entrega e co seu talento, fixeron que esta Gala sexa posible. Grazas, de corazón.
Hoxe é unha noite na que, se cadra, non hai demasiado que celebrar, pois somos todos conscientes do momento polo que estamos pasando. Non só nós, a xente do audiovisual, senón toda a sociedade galega; unha sociedade coa que nos sentimos profundamente identificados e pra a que traballamos moi duro, día a día, desde este sector ó que moitos dos que estamos hoxe aquí estamos orgullosos de pertencer: un colectivo profundamente heteroxéneo, diverso e plural, que aglutina a varios milleiros de persoas e que, cos maiores esforzos e a maior vontade, loita por saír adiante nestes tempos… escuros.
Pero se cadra si temos algo que celebrar hoxe. Cando menos, unha cousa realmente importante. Existimos. Estamos aquí. E queremos seguir estando aquí.
Non sempre foi así, e non fai falla bota-la vista moi atrás pra lembrar aqueles tempos nos que o soño de poder conta-las nosas propias historias, non era máis ca iso: un soño.
Desde entón, o noso audiovisual ten demostrado estar plenamente capacitado pra xerar valor engadido e pra xerar riqueza, malia os problemas e os erros que desde este sector se cometeron, e sabemos que non foron poucos, aínda que ás veces nos custe admitilo. Con todo, os fondos que as administracións destinaron ás políticas audiovisuais nos últimos vinte anos tiveron por parte desta pequena industria uns retornos moi superiores en termos de facturación.
Esta contribución dos sectores culturais á creación de empregos directos e indirectos, xunto cunha profunda convicción da importancia da cultura, son as razóns fundamentais polas que Europa aposta polo audiovisual. Claramante. Sen dúbidas. A ampliación orzamentaria do programa Media e de Europa Creativa é toda unha declaración de intencións. E non podemos permitirnos perder ese tren. Temos que camiñar con eles. Necesitamos que a administración pública do noso país se acompase á europea, cousa que, sen dúbida, non veu ocorrendo nestes últimos anos. Necesitamos eliminar trabas que só existen neste país –como foi a brutal subida do IVE-, e poñe-los medios necesarios pra que o sector poida seguir medrando e que o financiamente privado flúa cara ás empresas.
E pola nosa parte, a nós quédanos un enorme traballo de mellora, de aposta pola creatividade como eixo fundamental do tecido industrial e de medrar en competitividade e profesionalidade. Porque é moito o que está en xogo.
Está en xogo unha porcentaxe nada despreciable da riqueza do país pero tamén algo que vai aínda máis aló; está en xogo a nosa propia imaxe. Cómo nos vemos a nós mesmos e cómo nos ven dende fóra. Porque, como vos dicía antes, moitos dos que estamos aquí lembramos aquela Galicia anterior á eclosión do audiovisual. E lembramos o que supuxo empezar a escoita-la nosa lingua na televisión, e as nosas historias, que poden ser grandes ou pequenas, pero que falan de nós, de quen somos e de quen queremos ser. E tamén, por suposto, de como queremos que nos vexan os demáis.
E crédeme que, nos últimos anos, estámos loitando por abrirnos ó mundo. As nosas obras viaxan, e con elas os nosos creadores e a nosa cultura. A lista de festivais, de premios internacionais e de territorios onde se venden as nosas producións é cada día maior.
Sabemos que temos moito que mellorar, de verdade que o sabemos, non é unha frase feita, pero en serio, o que está en xogo é demasiado importante como pra deixalo morrer.
Necesitamos contarnos e vernos a nós mesmos. Necesitamos contarlle ó noso público –e ó público de tódolos continentes- historias que os movan, que os divirtan ou que os entreteñan, que os manteñan en tensión ou que lles fagan brota-las bágoas, historias en definitiva que emocionen, que falen verdade e que lle digan ó mundo que estamos aquí e que loitaremos por seguir estando aquí.
Boas noites.