DÍA DE ESTREA EN CANS COA PROXECCIÓN DE “ESCUCHANDO AL JUEZ GARZÓN” E “BRASIL SOMOS NÓS”

19 / 05 / 2011

O VIII Festival de Cans ofrecerá mañá un dos seus días grandes cunha morea de actividades ao longo de toda a xornada para públicos de gustos diversos. Pola mañá, escolares de diferentes centros do Concello do Porriño achegaranse ao audiovisual galego da man do director Jorge Coira dentro da sección Cans de Futuro. Xa pola tarde proxectaranse dúas das longametraxes documentais máis esperadas da temporada: Brasil somos nós, dirixida por Robert Bellsolà e protagonizada por Carlos Núñez, e Escuchando al juez Garzón, unha entrevista en profundidade ao maxistrado realizada por Manuel Rivas e dirixida por Isabel Coixet. Tamén á tardiña daranse a coñecer os novos proxectos dos Fillos de Cans, aqueles que vimos noutas edicións presentando curtas e outros proxectos, e que agora traen as primeiras imaxes das súas primeiras longametraxes. Son Nacional VI, de Pela del Álamo; Tralas luces, de Sandra Sánchez, Engurras, de Paco Roca; e Rosario, de Mario Iglesias.

Despois da procesión de chimpíns amenizada por The Turre’s Band, dará comezo a Noite de estrea, coa presentación dos xurados do festival, das primeiras imaxes do filme Querida Gina, o primeiro filme protagonizado por dous veciños de Cans, e dos making of da edición de 2010, Un festival na estrada, e do proxecto Can Campus, Algo terás que facer. Deseguido, a Asociación Cultural Arela fará entrega do Pedigree’11 a María Pujalte, que tamén colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas, dos Chimpíns de prata a Roberto Vilar e Serafín Campos e dos premios do concurso de videoclips, coa proxección das pezas gañadoras xunto co videoclip do proxecto Can Campus Las mentiras. Como xa é habitual, o remate da xornada será musical, cun concerto estelar de El Gran Wyoming y los Insolventes e dúas sesións DiscoChimpín, a primeira con Jorge Ilegal e David Morei, de Los Oricios, e a segunda coa actriz Isabel Risco.

 


Longametraxes documentais

Brasil somos nós proxectarase no Baixo de Moncho ás 18h30. Neste documental o músico Carlos Núñez pescuda o pasado do seu bisavó, José María Núñez, que emigrou ao Brasil en 1904 e desapareceu, supostamente asasinado por outro músico. Nesa viaxe o gaiteiro tamén se mergulla na cultura do país e o seu incrible patrimonio musical. Descobre así que a música brasileira aínda conserva a vella cultura galaico-portuguesa, revitalizada polo contacto con outras, especialmente a africana. Desta experiencia, na que Núñez tivo contacto con músicos da talla de Lenine ou Carlinhos Brown, xurdiu tamén o seu último disco Alborada do brasil.

O director do documental, Robert Bellsolà, ten xa unha longa traxectoria no ámbito do documental. A súa primeira peza é Oposiciones, e nela relata a súa propia experiencia como opositor ao corpo de abogados do Estado. A este seguírono Salaminos, sobre a rodaxe do filme Soldados de Salamina de David Trueba, e Abuelas cocineras, sobre un grupo de avoas que percorren o mundo amosando a cociña tradicional catalá. Acaba de rematar a súa primeira longametraxe de ficción, Pase lo que pase. 

Escuchando al juez Garzón proxectarase no Baixo de Bugarín ás 19h30. Nel o maxistrado fai un repaso da súa traxectoria profesional, sen eludir ningunha pregunta relacionada cos distintos procesos abertos na súa contra. Afloran así, ao ver de Isabel Coixet, os temas definitorios do momento que estamos a vivir como país, entre eles, “o poder da corrupción institucional que calou de tal maneira que o problema xa non é a corrupción, senón que non te pillen”. Este documental só se puido ver de momento na Berlinale Especial e en Cans contaremos co escritor Manuel Rivas para a súa presentación.


Pedigree’11 e Chimpíns de Prata

A Asociación Cultural Arela, organizadora do festival, entregaralle o premio de honra a María Pujalte mañá no torreiro de Cans, en recoñecemento pola traxectoria desenvolvida dende os seus comezos no mundo do audiovisual en Galicia. A actriz coruñesa, coñecida dentro e fóra de Galicia pola súa participación en series de éxito como Periodistas, Siete Vidas ou Los misterios de Laura, formouse profesionalmente en Santiago de Compostela, a comezos dos noventa, no momento de maior eclosión do audiovisual galego. Pujalte toma o relevo de Ernesto Chao, Xavier Villaverde, Chete Lera, Antón Reixa, Luis Tosar, Celso Bugallo e Mabel Rivera, que obtiveron nas edicións anteriores o célebre “Can de Pedra” do canteiro local Paco Candán. Ademáis, María Pujalte será a primeira en deixar este ano as súas pegadas no Torreiro das Estrelas de Cans. 

Na noite de mañá farase entrega tamén dos Chimpíns de prata ao actor e presentador Roberto Vilar, de Land Rober, seguidor incondicional do Festival de Can e gran promotor do certame, ao que prestou apoio desde o seu programa convidando a todos os veciños e veciñas a asistir; e a Serafín Campos Bargiela, veciño do barrio da Graña, que colabora dende hai varias edicións levando ao público en chimpín, que é sempre un dos máis chamativos polo esforzo que pon na súa decoración.

 

O proxecto Can Campus

Cans Campus é un proxecto coordinado por Oswaldo García, profesor da Facultade de Comunicación de Pontevedra, e Alfonso Pato, director do Festival de Cans. O traballo arrancou no mes de decembro e nel se implicáronse máis de cincuenta persoas entre estudantes, veciños e os músicos do grupo Sinestesia. Titorizaron todo o proceso os realizadores Juan Lesta e Belén Montero, que ao fronte da súa marca SDK traballaron para grupos como Astrud,  Fangoria ou La Buena Vida. Como resultado graváronse dúas pezas audiovisuais, o videoclip Las mentiras e o making of de todo o proceso creativo Algo terás que facer, que agora se estrean dentro da programación de mañá.

El Gran Wyoming

El Gran Wyoming chegará ao Torreiro de Cans á medianoite escoltado polos músicos Miguel Ángel Ariza, José Alberto Solís e Luís de Diego, coñecidos como Los Insolventes. Este cuarteto formouse no ano 2009 grazas a unha máxica confluencia. Foi na sala Honky Tonk de Madrid. A banda acababa de tocar alí e Wyoming achegouse a eles para facerlles unha proposición. Dende entón subiron a escenarios de toda a xeografía española xunto ao seu Gran mestre de cerimonias, cun repertorio baseado en versións dos grandes clásicos do Rock and Roll. Será un gran concerto cargado de diversión e ritmos bailables.

 

Programa do venres 20 de maio:

Baixo do Moncho (Cans)

·       10.30h. Cans de Futuro. Escolares do Concello do Porriño asisten a proxeccións no Festival de Cans acompañados polo director Jorge Coira.

·       16.30h. Proxección do documental Brasil somos nós e coloquio con Carlos Núñez e o director, Robert Bellsolà.

·       18.30h. Fillos de Cans, presentacións das longametraxes Nacional VI, de Pela del Álamo; Tralas luces, de Sandra Sánchez; Engurras, de Paco Roca; e Rosario, de Mario Iglesias.

·       21.30h. Procesión de chimpíns con The Turre’s band.

Baixo de Bugarín

·       19.30h. Estrea de Escuchando al juez Garzón, coa presenza de Manuel Rivas.

Torreiro de Cans

·       22.00h. Noite de estrea: Presentación dos xurados do festival, das primeiras imaxes de Querida Gina, do making of da edición 2010, Un festival na estrada, e do de Can Campus, Algo terás que facer.

·       22.30h. Entrega de premios da noite VClips e proxección dos videoclips gañadores e do videoclip de Can Campus Las mentiras.

·       23.15h. Entrega dos Chimpíns de Prata a Roberto Vilar e Serafín Campos.

·       23.30h. Entrega do Premio de honra Pedigree’2011 a María Pujalte e colocación da súa estrela no Torreiro das Estrelas.

·       0.00h. Concerto de El Gran Wyoming y los Insolventes.

·       1.30h. Sesión DiscoChimpín, con Jorge Ilegal e David Morei, de Los Oricios.

·       3.00h. Sesión DiscoChimpín no Bar A Escola Vella, con DJ Risco no Disco (Isabel Risco).

.festivaldecans.com

Categoría: Noticias
Etiquetas: