«DENOMINACIÓN DE ORIXE», A 1ª MESA CELEBRADA NO FORO AA’04

11 / 05 / 2004

“NON FALAMOS DUN PRODUCTO CINEMATOGRÁFICO GALEGO PARA GALICIA, SENÓN PARA SACALO FÓRA”
“O problema fundamental á hora de falar de cine galego, é se o queremos ou non. Non se trata hoxe de saber se temos ou non esa capacidade, senón que queremos facelo ou non”. Así abría Xosé Ribadulla Corcón, presidente da Asociación Galega de Guionistas, a primeira das mesas redondas que abre o Foro Academia Aberta “Pola excepción e a identidade cultural” que esta mañá foi inaugurado. Unha mesa redonda na que ademais de Corcón, participaron Camilo Franco, Escritor e xornalista, Yolanda Castaño, Poeta, Valentín Fernández-Tubau, guionista e Vicepresidente de “Alma” (Autores Literarios de Medios Audiovisuales), e que foi moderada polo crítico de cine e historiador Miguel Anxo Fernández.
“NON FALAMOS DUN PRODUCTO CINEMATOGRÁFICO GALEGO PARA GALICIA, SENÓN PARA SACALO FÓRA”
“Denominación de Orixe”: a primeira das mesas redondas do Foro Academia Aberta

A Coruña, mércores 21 de abril 2004.- “O problema fundamental á hora de falar de cine galego, é se o queremos ou non. Non se trata hoxe de saber se temos ou non esa capacidade, senón que queremos facelo ou non”. Así abría Xosé Ribadulla Corcón, presidente da Asociación Galega de Guionistas, a primeira das mesas redondas que abre o Foro Academia Aberta “Pola excepción e a identidade cultural” que esta mañá foi inaugurado. Unha mesa redonda na que ademais de Corcón, participaron Camilo Franco, Escritor e xornalista, Yolanda Castaño, Poeta, Valentín Fernández-Tubau, guionista e Vicepresidente de “Alma” (Autores Literarios de Medios Audiovisuales), e que foi moderada polo crítico de cine e historiador Miguel Anxo Fernández.

Ribadulla Corcón fixo un percorrido pola que considera unha realidade incuestionable: se temos unha cultura propia, unha literatura propia, ¿por qué non imos ter un cine propio, un producto audiovisual propio?. Pero insistíu en que “como dixo Luís Seoane, coa nosa diferencia queremos enriquece-lo mundo, e nós, non pretendemos, porque tampouco podemos, facer cine ou audiovisual galego para autoconsumo, xa que non habería mercado, senón facer cine e audiovisual galego para enriquece-lo cine e o audiovisual internacionalmente”. Dixo tamén que facer cine galego, non é meter planos de homes tocando a gaita nin son de gaitas. “Precisamente, o feito de termos unha cultura propia é o que xustifica e demanda un cine e un audiovisual propios, é decir, que a nosa propia cultura é quen xera a industria audiovisual.

Yolanda Castaño, reincidíu tamén no feito da nosa cultura diferencial, non sen antes ler un poema introductoria dedicado ó mundo do cine. Camilo Franco, que amenizou coa súa intervención aportando elementos de xuízo importantes e remarcados coa retranca xusta, dixo que “é moi difícil saber se fai falta cine galego ou non, mentres non saibamos e teñamos claro se ‘somos un país’ ou non”. Desenvolvendo esta introducción, chegou a preguntar ó público asistente “se os romanos fixeron a muralla de Lugo, ¿por qué non facemos nós unha película de romanos, pero galega?: é a nosa historia. De Cunqueiro aínda non se fixo ningunha película, e así con moitos acontecementos históricos de Galicia. Sen embargo, fóra fanse películas de acontecementos que ocorreron, e recoñecémoslle identidade a ese cine”. Afirmou tamén que en Galicia, hai unha fenda que ten a súa orixe na psicología das masas, na conciencia de país, “e a masa se non se usa, ponse dura e dá logo máis traballo consegui-lo producto”. Como conclusión, rematou dicindo que “temos historia, polo tanto, podemos ter cine galego”. A cuestión é que hai que facelo.

Valentín Fernández-Tubau salientou fundamentalmente o feito de que o guionista, é o piar básico da obra, e ten a gran responsabilidade de, sobre todo, ser honesto, é decir, ser sincero, senti-lo que escribe. De aí depende tamén que a obra sexa mellor ou non, conecte co público ou non. “Hai que pensar no que se sinte, e dici-lo que se sinte, e escribilo”. Falou logo da importancia, como paso seguinte, de saber conta-la historia, e aí, a formación xoga un papel moi importante. A universalidade dun tema non impide a súa orixe, a súa sinal de identidade: o que importa é senti-lo que se di, e contar historias ben contadas. A propia historia, será quen dea denonimación de orixe á película.
O guionista non esqueceu facer mención ó mal pagado que está o sector, e de feito, “pronto daremos a coñecer un estudio que fixemos en toda España, e aí se reflicte a pouca importancia que se nos dá ós guionistas, cando en realidade sómo-lo xérmolo do producto audiovisual e cinematográfico en xeral.

Miguel Anxo Fernández, que non por selo moderador deixou de insistir na importancia de trasladar ó cine a realidade galega, sexa a histórica ou a presente, coordinou o animado debate que seguíu ás intervencións, e do que se pode arroxar unha conclusión: Galicia existe, temos país, temos historia propia, cultura propia, lengua propia, literatura propia… ¿por qué non cine propio?

Categoría: Noticias
Etiquetas: