+CURTOCIRCUITO PRESENTA UN PROGRAMA DE CURTAS PARA NENOS NO NADAL

20 / 12 / 2010

Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, que dirixe a nacionalista Socorro García Conde, presenta un programa de curtametraxes especial para nenos, Público Novo, dentro do seu programa de proxeccións que se está a prolongar ata final de ano, +Curtocircuíto .

As curtametraxes están especialmente pensadas para nenos e nenas a partir de 11 anos de idade, para que acudan cos seus pais e nais. A proxección será o martes 21 a partir das 20:30h na sala Mozart do Auditorio de Galicia e farase outra proxección do mesmo programa de curtas no Centro Sociocultural de Vite o seguinte martes 28 a mesma hora e tamén de acceso libre.

Na programación, onde predomina a animación, haberá grandes curtas como “Granny O Grimm’s Sleeping Beauty” nominada como mellor curta de animación na última edición dos Oscar ou “La Dama y la Muerte”, gañadora do premio  á mellor curta de animación na pasada edición dos Goya.

Estas proxeccións porán punto e final a +Curtocircuíto, que levou en 16 proxeccións as mellores curtas por algún dos Centros Socioculturais de Compostela e ao Auditorio de Galicia, ampliando así os puntos onde ver o mellor cine en formato curto. O balance de participación é moi positivo con máis de cincocentas persoas na súa primeira celebración.

Categoría: Noticias
Etiquetas: