A Oficina de Turismo acolleu esta onte pola mañá a cinco realizadores da competición oficial do 16OUFF. Na quenda de Curtas, o venezolano Álex Méndez presentou Centrípeta, a súa quinta curtametraxe, mentres que Carolina Carrillo veu desde Arxentina para presentarnos Hasta que la muerte nos separe. Dúas curtas fendidas por un denominador común, o humor negro. No apartado de Animación, visitáronnos o galego Alberto Vázquez, codirector de Birdboy, o francés Cristophe Gautry, de Le concile lunatique, e o mexicano Luis F. Núñez, con Xochimilco 1914. Todos eles coincidiron nas posibilidades do xénero para contar historias de temática dura, lonxe do público infantil, pero tamén nas dificultades de distribución dos seus traballos máis alá dos festivais.
Xa pola noite convidados do Festival asistiron a unha festa de Promoción Turística da Cidade de Ourense na explanada d’As Burgas. Isabel Pérez, presidenta do Consorcio para o Festival de Cine, exerceu de anfitriona de todos os visitantes deste 16OUFF.
Actividades profesionais
Os integrantes de Malviviendo encheron o auditorio para explicar como se leva unha idea con medios escasos («40€ para gasolina») á rede, ter máis de 2.000 visitas en dez horas e, a de aí, financiarse por medio de crowdfunding.
Pola súa banda, Jaume Ripoll, director editorial de Filmin.es, a distribuidora de contidos por internet, e de Cameo, centrou a súa charla na necesidade de darlle saída ás producións independentes en formato físico, pero tamén a través da rede.