A celebración da V edición do pitching I+P, ideas para poducir, que anualmente convoca o Clúster Audiovisual Galego, converteu o pasado venres Vigo nun cumio sectorial no que se deron cita 120 profesionais provintes de toda España, atraidos polos 19 proxectos seleccionados para participar nesta edición. No seu conxunto, os proxectos presentados constitúen unha galería diversa de xéneros, formatos e historias.
Documentais, animación, series que xa triunfan en países europeos, personaxes galácticos para público infantil, historias de amistade no ocaso da vida, bonecos de trapo en 3D estereoscópico, personaxes históricos e thrillers policíacos, entre outros, co denominador común de buscar alianzas de negocio con produtores ou distribuidores, dependendo do estado no que se atope cada proxecto. Hainos que están en estado practicamente inicial, que acudiron ao pitching na procura de socios para a súa produción; e hainos que xa triunfaron con boas cotas de audiencia en diferentes canles de Tv e agora tratan de interesar a novas compañías para a súa emisión e distribución.
Os 19 proxectos que concitaron tantas miradas en Vigo foron «La Clase» de Kálida Producciones e Productora Faro; «La vida privada de un detective privado» de Arrayas Producciones; «Aztronimo» de Cromosoma; «Querida Gina» de Susana Sotelo; «Nunca es tarde» de Ana Torres; «Pintxos» de 3Koma; «Arrugas» de Perro Verde; «Prisciliano» de Artemática; «Eduardo Barreiros, el Henry Ford español» de Continental; «Asiento Reservado» de Boomerang TV; «A tropa de trapo» de Abano Producións; «Horizonte 2» de Filmanova; «El síndrome Cacareco» de Formato Producciones; «Matalobos» de Voz Audiovisual; “Glumpers” de Motion Pictures; «Na procura da Besta» de Setemedia-TVSiete; «Pornópolis» de Gonzalo Velasco;»Bulldog» de Brutal Media e «N-VI» de Pela del Alamo. E entre as compañías interesadas en establecer acordos sobre algún proxecto, asistiron ao pitching directivos de 14 canles de Tv (Cuatro, Antena 3, TeleCinco, televisión autonómica de Baleares, Aragón TV, Canal Extremadura, TVCanarias, TV Comunidad Valenciana, TV Castilla la Mancha, TeleMadrid, ETB, Canal Sur, RTV Murcia e CRTVG) e compañías produtoras como Neptuno Filmes, Sony Pictures Iberia, Finding 4 you, Filmax, DeAPlaneta e Expressive; así como a SGR.
En declaracións aos medios, o presidente do CLAG, Antón Reixa, valorou moi positivamente a participación e os resultados das pasadas edicións do pitching, nas que aproximadamente un 10% dos proxectos presentados foron desenvolvidos, maioritariamente peliculas e series. Asemade, destacou o carácter de “pedagoxía práctica” desta iniciativa do CLAG, consolidada xa como un dos eventos de referencia da creación audiovisual a nivel nacional, co obxectivo de ser un encontro de negocio, no que produtoras e guionistas teñan a oportunidade de presentar os seus proxectos ante responsables de programación, ficción ou antena das principais canles de televisións nacionais e autonómicas e ante directivos de importantes produtoras e distribuidoras, na procura de acordos de colaboración.