CREADA A COMISIÓN TÉCNICA DE SEGUIMENTO PARA A CONSTITUCIÓN DA CORPORACIÓN RTVG

17 / 02 / 2012

O Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa reunión de onte, 16 de febreiro, a creación da Comisión Técnica de Seguimento para a constitución da Corporación RTVG. Esta comisión será a encargada de impulsar e coordinar tódalas actuacións necesarias para facer efectivo o traspaso de activos e pasivos da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e de Radiotelevisión de Galicia S.A. e Televisión de Galicia S.A. á futura Corporación RTVG.

A creación de esta comisión suporá un avance máis para dar cumprimento ao disposto na Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, que fixa o prazo dun ano, dende a súa entrada en vigor en decembro de 2011, para que se execute esa transmisión de activos e pasivos desde a CRTVG e as súas sociedades á Corporación RTVG. A comisión técnica de seguimento estará integrada polos responsables da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, da Secretaría Xeral de Medios e da Dirección Xeral da propia Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), que xa viñan desenvolvendo, dende a aprobación da Lei, os traballos preliminares para a constitución desta comisión.

Categoría: Noticias
Etiquetas: