COSTA DA MORTE, VENCEDORA EN PLAY-DOC

7 / 04 / 2014

O xurado internacional da décima edición de Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, decidiu na noite de onte conceder o premio desta edición (2.000 euros e trofeo) a Lois Patiño pola súa Costa da Morte. O grupo formado polos críticos e programadores Fernando Vílchez, Antonio Weinrichter e Jara Yáñez, aludiu na lectura do palmarés á coidada estética da obra, así como ao valor do filme para a rexión que retrata. Na súa argumentación, explicaron que a elixiron “por desenvolver unha proposta onde se reúnen o rigor formal coa capacidade de presentar un retrato vivo dun lugar e dunha comunidade”.

Mantendo a liña de apoio ao cinema galego máis rompedor, esta é a cuarta edición consecutiva, en Play-Doc, na que se inclúe unha película de Galicia na competición internacional. E en tres ocasións – anteriormente Todos vós sodes capitáns e Vikingland – gañou unha cinta galega, confirmando que a cinematografía da rexión goza de boa saúde. O vigués Lois Patiño é un habitual do certame, que xa mostrou en dúas ocasións anteriores as súas curtas paisaxísticas. Como el recordou ao recoller o premio: “Levo vindo aquí cinco anos, ben como espectador ou coas miñas películas, e agardo seguir facéndoo moitos máis”. Cualificou o galardón de “especial”, debido a ese vínculo emocional que ten con Play-Doc.

Pero Patiño non só é profeta na súa terra. A longa, unha consecución lóxica desa trayectoria pictórica nas curtas, á que engade elementos etnográficos e míticos nesta ocasión; levou o premio ao director emerxente en Locarno, obtivo unha mención especial en Valdivia, foi mellor filme en FICUNAM de México… Estivo en infinitude de festivais esta tempada, obtendo non poucos eloxios. El restáballe importancia estes días con sorna: “Deixei de contar”.

Outro vigués recolle a mención especial

Pola súa banda, o tamén vigués Diego Romero recolleu unha mención especial, sen valor económico, por Stop the Pounding Heart. O filme está dirixido polo italiano Roberto Minervini, e Romero é o seu director de fotografía. Aínda que este recoñecemento non lles reportará diñeiro, ao xurado parecíalle importante destacar este filme “por sinalar un camiño propio de mestizaxe entre o real e a invención”. Romero coincidiu co seu colega Lois Patiño, ao que coñece dende hai anos por moverse en círculos similares en Vigo, en cualificar o premio de “especial”. “Faime moita ilusión recibir este recoñecemento, máis aínda por ser veciño, de aí ao lado”, dixo ao recoller o galardón.

Se Patiño foi esta tempada o representante da paisaxe de Galicia entre os cinéfilos de todo o mundo, algo parecido podería dicirse de Roberto Minervini aplicado ao rural de Texas. Italiano de nacemento e educación, leva porén moitos anos vivindo nos EUA, onde rodou este último filme.

Cunha curta pero intensa carreira, que inclúe amais os títulos The Passage e Low Tide, fotografados tamén por Diego Romero, Minervini perfílase coma un dos directores italianos novos máis interesantes do seu país. En Stop the Pounding Heart, segue o día a día de Sara, unha adolescente que se cría nunha familia de granxeiros de Texas, moi tradicional. A película ficcionaliza ese ambiente real, traballando con actores non profesionais, que se interpretan a si mesmos. É unha estratexia similar á que segue Nicolás Pereda, homenaxeado este ano, que en Minervini adquire dimensións de western etnográfico.

Precisamente coa proxección do último filme da retrospectiva de Nicolás Pereda, Juntos; e coa reposición da película gañadora, Costa da Morte; clausúrase hoxe a décima edición de Play-Doc.

Dende a organización quérese destacar que este foi un punto de inflexión importante, ao repasar toda unha década de traxectoria, e abrir ao tempo, co ciclo de Pereda, a liña apuntada pola sección oficial, e as actividades paralelas, novas vías de exploración para posteriores edicións. Coa incorporación, por primeira vez na historia de Play-Doc, dunha segunda sala, espérase superar os 7.000 espectadores récord do pasado ano. As cifras de asistencia onte xa se achegaban a eses números, polo que é presumible que Play-Doc seguirá mantendo outro elemento da súa identidade: o apoio masivo dun público heteroxéneo e fiel.

Categoría: Noticias
Etiquetas: