NOTA DE PRENSA COORDINADORA DE ASOCIACIÓNS PROFESIONAIS DO AUDIOVISUAL GALEGO

14 / 12 / 2009

A Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego mantivo unha reunión para abordar varios temas. Nesa reunión, a Coordinadora decidiu facer pública a súa postura en relación á Orde que desenvolve a Lei do Cine aprobada polo Goberno Central, Orde que nestes momentos está recorrida na Unión Europea.

A Coordinadora efectuou unha denuncia na Unión Europea contra esta Lei incidindo na defensa da excepcionalidade cultural de Galicia e da produción cinematográfica independente no estado. Feitos estes, que a Orde desfavorece por completo e que están no espírito e letra da lexislación Europea, isto é promover unha práctica cinematográfica de carácter cultural, artístico e social acorde cos principios da Diversidade Cultural.

A Coordinadora xa ten escrito cartas explicando a súa postura diante da Presidencia do Goberno, da Ministra de Cultura, do Director do ICAA, e por último diante da Unión Europea, para advertirlles e denunciar as contradición existentes entre as súas iniciativas lexislativas e a lexislación europea, como o proxecto de Lei de Comunicación Audiovisual coa cesión do 5 % para series, ou o Decreto da Lei do Cine publicado no BOE irresponsablemente sen a correspondente aprobación de Bruxelas.

A Orde do conflito, hoxe paralizada, levaría, de non corrixirse, a frustrar o desenvolvemento presente e futuro dun cine en galego e español independentes, entre outras consecuencias, por iso está no centro das preocupacións da Coordinadora, que así llo expuxo recentemente a Ignasi Guardáns, Director do ICAA, nunha entrevista mantida en Santiago de Compostela.

A Coordinadora non entende nin comparte as acusacións dos que din que, tanto á parálise da Orde como o parón na produción cinematográfica proveñen das reclamacións presentadas en Bruxelas cando é evidente que é a súa temeraria publicación no BOE sen a correspondente autorización europea a única que pode paralizar o sector ou poñer en perigo a produción do ano que ven. Nunca se debeu publicar unha Orde sabendo que a Unión Europea tiña motivos máis que suficientes para rexeitala.

O parlamentario da Unión Europea Oriol Junqueras, do grupo Europa dos Pobos-Verdes (Edp-V), realizou a instancias da Coordinadora unha pregunta no Parlamento Europeo en defensa da esixencia dun interese artístico, cultural e social das producións a subvencionar. A Coordinadora, a través da voceira do BNG no Parlamento Europeo Ana Miranda, presentou ademais unha reclamación á Dirección Xeral da Competencia e á Comisión de Cultura do susodito Parlamento, que actualmente a ten en estudo.

A Coordinadora acordou igualmente dirixirse ó Director da CRTVG pedindo explicacións pola anunciada desaparición de varios programas culturais, así como presentar unha serie de propostas conxuntas ante a AGADIC de cara á  próxima convocatoria de axudas ó sector audiovisual.

A Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego está integrado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación Galega de Guionistas (AGAG), Asociación de Técnicos de Galicia (ATEGA) e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA)

Categoría: Noticias
Etiquetas: