CONVÓCASE A SÉTIMA EDICIÓN DO PREMIO “DIARIO CULTURAL” DE TEATRO RADIOFÓNICO

15 / 04 / 2013

Ábrese o prazo para a presentación de orixinais á sétima edición do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico, unha iniciativa que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre autores/as e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega, promover o encontro entre a audiencia e o teatro e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

A sétima edición do Premio de Teatro Radiofónico desenvolverase ao longo dos meses de abril, maio e xuño de 2013. O xurado, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará dos orixinais presentados as obras finalistas que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e actrices. As dramatizacións emitiranse ao longo do mes de xuño nos distintos programas da Radio Galega. Entre as emitidas o xurado escollerá a obra galardoada co Premio do Xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o Premio do Público. Cada un dos premios está dotado economicamente con 3.000 euros.

A Radio Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, asume a  organización e desenvolvemento do certame creado en 2006.

Once autores e autoras premiados e máis de 200 profesionais entre directores e directoras, actores e actrices, técnicos, escenógrafos e profesionais da edición e da produción participaron nesta inicitiva que procura dar un novo pulo en Galicia a un xénero con moita historia, pero que nos últimos anos quedara preterido en relación con outras propostas e formatos.

David Rodríguez foi o gañador da primeira edición con “O Bambam”. A obra, interpretada por Luís Tosar e Luís Zahera con dirección de Lino Braxe, recibiu tamén o premio da audiencia. Na segunda edición premiáronse as obras “O mal da vaca”, de Begoña García, premio do xurado e “Saltimbanqui” de Lois Pérez, premio da audiencia. Quico Cadaval dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Manuel Lourenzo, Susana Dans, Belén Constenla, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Xan Cejudo, Xosé Manuel Olveira “Pico” e Fernando Pedrido. Rubén Ruibal e César Candelas, autores de “Peter Buckley”, gañaron os premios do xurado e da audiencia na terceira edición. Candido Pazó dirixiu a adaptación radiofónica, interpretada por Santiago Cortegoso, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Pepo Suevos, Miguel Varela e Marcos Correa. A obra “Indoor” de Vanesa Sotelo recibiu o premio do xurado na cuarta edición e “O vento da illa” de Begoña García o da audiencia. Ánxeles Cuña dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Sabela Gago, Fernando Dacosta, Elena Seijo, Nate Borrajo, Tito Asorey, Fina Calleja e Josito Porto. Na quinta edición o escritor Xosé Manuel Pacho Blanco gañou os premios do xurado e da audiencia coa obra “Paraísos”. Ana Vallés dirixiu a adaptación radiofónica interpretada por Laura Ponte, Mónica Caamaño, Margarita Fernández, Nuria Sanz, Manu Lago, Roberto Leal e Marcos Viéitez. Na sexta edición a obra que recibiu o premio do xurado foi “Poema sinestésico para tres voces e un can” de Eva F. Ferreira e a galardoada co premio da audiencia foi “Intercom – baby” de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre. Evaristo Calvo dirixiu as adaptacións radiofónicas das obras, que foron interpretadas por Víctor Mosqueira, Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Rocío González , Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira e José L. López Sacha.

Todas as obras premiadas e finalistas están publicadas na colección “Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico” de Edicións Xerais de Galicia.

O prazo de presentación de orixinais da sétima edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico rematará o 3 de maio de 2013. As bases poódense consultar na web crtvg.es

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: