Ata o 7 de maio está aberta a convocatoria para participar no IV Festival Internacional de Cine Documental das Mariñax, XOM 11, que organiza o Concello de Betanzos. Este ano, o evento adianto a súa celebración xa que terá lugar na localidade coruñesa do 6 ao 11 de xuño en lugar de en novembro.
O XOM 11 está aberto a documentais de todo tipo de nacionalidades e temáticas, aínda que prestará especial atención a obras en torno a temas sociais e ás procedentes dos países que constitúen a área iberoamericana. A súa sección competitiva está reservada a traballos do xénero producidos con posterioridade a 2006. Cada produtor poderá remitir tantas obras coma queira na súa lingua orixinal. Para a preselección hai que cumplimenta-la ficha de inscrición online na páxina web do festival www.xombetanzos.com e enviar posteriormente unha copia en DVD do documental á organización antes da data sinalada. Un comité de selección escollerá as obras que competirán no certame.
Os documentais finalistas exhibiranse no transcurso do evento. Outorgarase un premio XOM 2011 ao mellor traballo, dotado con 6.000 euros e un diploma acreditativo. O gañador sairá do resultado do promedio de tres votacións: a dos xuíces a título individual, a do xurado coma órgano colectivo e a do público. O xurado está integrado por Juan María Otero, José Luis Álvarez, Blanca Cendán, Susana Dans e Xosé Zapata. As obras con temática centrada na comarca de As Mariñas optan ao premio XOM As Mariñas.