Do 16 ao 23 de febreiro celebrarase na Coruña o I Festival de Curtametraxes «Por amor al arte», baixo o lema «Presuposto cero». Pódense remitir obras para participar no mesmo ata o 31 de decembro.
Poderán concorrer a «Por amor al arte» curtametraxes producidas a partir de 2008, de temática libre, que non superen os 30 minutos de duración. Aínda que non é condición imprescindible, valorarase que as curtas non sexan estreadas en Galicia nin en Internet. Admitiranse pezas -dúas como máximo por participante- en calquera das linguas oficiais de España, a condición de que estean subtituladas en castelán. Os interesados deben remitir, antes da data indicada, dúas copias en DVD das súas obras, en formato mov, mp4, mkv ou avi, cunha resolución mínima de 1080×720 (HD) a: Atinne Centro de Estudos. Angel Rebollo, 56-58. 15002 A Coruña. Deberá incluírse ademais a ficha de inscrición que se pode descargar na páxina web do festival, www.festivalporamoralarte.org, cumprimentada e asinada, unha ficha cos datos persoais e de contacto do autor, e un fotograma e o cartel da obra en jpg.
Entre todos os traballos recibidos farase unha selección. Os finalistas exhibiranse no transcurso do festival. Un xurado concederá un premio á mellor curta, que, en principio, será o único dotado economicamente, aínda que nas bases non se detalla a cantidade. Tamén se outorgarán outros premios do xurado ao mellor guión, actor e actriz, e un premio do público. Este último consistirá nun curso en Attine, e promoción mediante un sitio web cedido por Dattic, que son as entidades que organizan o festival. Todos os galardóns incluirán, así mesmo, un trofeo Guiño. Máis información, na páxina web citada. O evento desenvolverase en distintos espazos da Coruña e incluirá, separadamente das proxeccións, outras actividades que abarcarán diferentes disciplinas artísticas, como pintura, fotografía, teatro ou concertos de música.