CON TUTÚ E MEÑIQUE, FICCIÓN PRODUCCIONES ASISTE Ó XIV CARTOON MOVIE DE LYON

23 / 02 / 2012

Tutú é un proxecto transmedia preescolar baseado no concepto de entretemento educativo, e Meñique é unha longametraxe de animación que adapta libremente o tradicional conto de Pulgarcito. Con estes dous proxectos, a Produtora galega Ficción Producciones acude, xunto con Abano Producións (con “A Tropa de trapo na selva do Arco da Vella) e Perro Verde Films (coa recén galardoada “Arrugas”), á XIV edición do Cartoon Movie que se celebra en Lyon do 7 ó 9 de marzo próximos, un dos foros de coprodución máis importantes de Europa. As tres empresas asistimos como delegación do Clúster Audiovisual Galego, CLAG.

Este evento internacional Cartoon Movie 2012 –Foro de Películas de Animación de Europa- foi organizado polo Cartoon Aisbl, Asociación Europea de Cinema de Animación, cuxo obxectivo fundamental é amosar os últimos productos, servicios e tendencias da industria de animación europea. No decurso destes tres días, os produtores promoverán os seus proxectos de animación diante de perto de 700 profesionais procedentes de 35 países, co fin de negociar o financiamento e/ou buscar socios e distribuidores de cadansúa produción.

 

MEÑIQUE

Meñique, é un produto audiovisual no que Ficción Producciones puxo todo o seu empeño e profesionalidade, partindo da gran implicación social e cultural dos pobos galego e cubano (é coproducida co ICAIC de Cuba

Esta longametraxe de animación en 3D no que se está xa traballando, permite poder retratar fragmentos do carácter social do pobo cubano e as súas xentes, mediante a adaptación dunha historia universal como a de Pulgarcito, que é sen dúbida un bo comezo e unha boa base de partida. Moito máis se cabe ao partir do conto realizado por Jose Martí para o pobo cubano, o seu carácter de historia universalmente coñecida, adaptado nun fantástico guión de Ernesto Padrón, artista de amplo recoñecemento internacional polas súas obras en debuxos animados, e que agora codirige a súa primeira longametraxe en 3D, Meñique, xunto ao historietista galego David Rubín, un dos maiores expoñentes do cómic en España.

 

TUTÚ

Tutú é un Proxecto transmedia orientado ó público infantil que estea en idade de preescolar, e está baseado no concepto de ‘entretemento educativo’ –edutainment-.

Está apoiado nos persoaxes e o universo infantil da obtra teatral ‘Rosalía, la pulga que escribía’, da produtora Galitoon CSA do 2010, levando a súa máxima plasticidade expresiva ó mundo dos monicreques de xoguete –muppet toys-.

O proxecto de Tutú explora o mundo psicoafectivo infantil a través da mirada inqueda, tenra e xogetona de Tutú, un canguro motorizado, e Nina, a súa mellor amiga, unha pulguiña moi travesa e chea de enerxía. Eles, día a día, enfróntanse á fermosa aventura de medrar e decubrir o mundo.

Este produto transmedia aposta por un entretemento intelixente, á altura do infindo potencial creativo e afectivo dos nenos e nenas ós que vai dirixido. Unha mensaxe positiva que transmite TUTÚ, e que é fundamental, radica no ‘positivismo’: pódese superar calquera adversidade cun pouco de esforzó, intelixencia e, por suposto… alegría.

Categoría: Noticias
Etiquetas: