“Checkout (caixa pechada)” do madrileño Salvador Rubio, foi guión que escolleu o xurado como gañador de entre os máis de 60 presentados. Compostela Plató é o concurso de guións convocado por Curtocircuito, Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela. Naceu co obxectivo de promover a cidade de Santiago como o plató ideal no que poder rodar todo tipo de historias e é unha iniciativa dependente da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais.
O prazo para participar no certame rematou o pasado 10 de outubro. Nese tempo recibíronse 63 guións procedentes de autores nados ou residentes en España, tal como establecen as bases do concurso. Madrid, como en outras edicións, segue a ser a comunidade con máis participación, seguida xa moi de preto por Galicia. Tamén se recibiron guións de autores españois residentes no estranxeiro en países como Axentina.
O xurado de preselección, composto polo produtor e realizador Toni Veiga e a produtora Mamen Quintas, seleccionou sete finalistas entre todos os participantes. Un grupo de profesionais do sector audiovisual de Galicia composto por: María Vázquez (actriz), Chusi Riveira (TVG), Marcos Nine (director), Luis Avilés (director) e Timothy Redford (director de Curtocircuito), uniuse aos preseleccionadores formando o xurado para a deliberación final o pasado xoves 19 de novembro.
O gañador “Check out (caixa cerrada)” de Salvador Rubio (Madrid, 1978), unha disparatada comedia que transcorre nun supermercado, é un guión para animación, o que suporá todo un reto para a empresa produtora Ficción Producións e o seu equipo de animación formado por sete profesionais cualificados.
2º clasificado: “La vida es una mierda” de Mª Inmaculada Ricoy.
3º clasificado: “El día” de Juan Alcaraz.
Resto de finalistas (con pseudónimo): “Galletas de coco” de “Flanagan”, “El nicho” de “Kenya Campbell”, “Babú (made in China)” de “Mandarín” e “Directo solo para ti” de “Kimbo Brown”.
O premio de Compostela Plató consiste na produción da curtametraxe cun orzamento inicial aproximado de 30.000 euros, un premio sen parangón a nivel nacional. A produción levarase a cabo en Santiago nos seguintes meses e estrearase na Gala de Clausura da futura VII edición de Curtocircuito.