COMEZOU A RODAXE DA SERIE “ESCOBA!”, PRODUCIDA POR FICCIÓN PRODUCCIONES PARA TVG

27 / 10 / 2011

O pasado 17 de outubro, e ata o 16 de novembro, Ficción Producciones roda, por encargo da TVG, Escoba!, unha comedia de situación que ten como protagonistas únicas, por vez primeira neste formato en Galicia, a mulleres. A totalidade da serie, que consta de 20 capítulos, ródase na Facultade  de Ciencias da Comunicación en Santiago de Compostela, que colaborou xa activamente na preprodución coa implicación de alumnos e alumnas, que tamén estarán presentes na rodaxe.

Así o manifestaron en Rolda de Prensa celebrada no propio plató no que se roda a serie (Facultads de Ciencias da Comunicación da USC), Mamen Quintas, Produtora Executiva de Escoba! directora xerente de Ficción Producciones, e Mariana Carballal, directora e creadora da mesma; á presentación asistiron tamén Fernando Redondo Neira, director académico da Facultade, Vanesa Grela, subdirectora de Programas de TVG e Montse Besada, directora de Produción Allea da canle autonómica. Unha Rolda de Prensa, por certo, nada habitual: -ademais de ter lugar nas mesas do “Centro Sociocultural” no que se desenvolve a serie,  coas actrices e actor presente, ademais das cinco protagonistas, Ernesto Chao- o elenco asistíu caracterizado cos seus propios personaxes, toda vez que houbo que parar a rodaxe para celebrar a presentación ós Medios, mentres Mariana Carballal, a directora, foi explicando o perfil de cada personaxe.

O formato da serie é o da chamada tradicionalmente ‘sit-com’, comedia de situación; pero o humor galego que impregna as tramas, incorpora á linguaxe audiovisual unha traducción coa que definimos este formato como ‘galecom’, que ven a ser a ‘comedia de situación con humor galego’, dotando así de denominación propia a este formato nun sector no que priman os anglosaxonismos.

 

Barrendo… a vida

Escoba! é unha idea orixinal de Mariana Carballal, que sitúa a cinco mulleres nun barrio urbano que pode ser de calquera das cidades galegas, e que se xuntan no Centro Sociocultural par xogar ás cartas, á ‘escoba’, concretamente. Sobre a mesa, non só haberá bastos, ouros, copas e espadas, reis e cabalos, senón multitude de temas que debullarán estas mulleres con ton irónico, con boa retranca. Estas mulleres repasarán a situación que viven no día a día. O xogo da ‘escoba’, ó que lles gusta moito xogar e que provocará discusións e risas , será o motivo perfecto para ‘barrer’ as cousas que a cada unha lles molesta, que as entristece, e que gardan nos seus adentros no día a día esperando a seren barridas arredor desa mesa. Soedade, a saúde enclenque, a intolerancia, o medo á vellez, os desamores, a ausencia dos fillos… a impotencia, compartirán tapete coas ‘sotas’, os setes, os ouros e… a vida.

 

Mulleres… e algún home

Mariana Carballal non só é autora da idea orixinal, senón que tamén é a directora da serie, destes 20 capítulos que se rodarán en tan só un mes. Uns 25 minutos por capítulo nos que veremos en prime time a Marina, Sofía, Amparo, Antonia e a Milagros, barrer o que consideran ‘lixo’ da vida diaria. Estes personaxes son interpretados por Rosa Álvarez, Elina Luaces, Teté Delgado, Mela Casal e Dorotea Bárcena. Tamén forman parte  do elenco Yolanda Muíños coma a alegre e desenfadada perruqueira, Ernesto Chao o estricto e repunante director do centro e Josito Pereira camareiro e cómplice absoluto das xogadoras.

A serie ten como ‘música de cabeceira’ a famosa canción do non menos famoso grupo dos 70, “Los Sírex”, “…se eu tivera unha escoba… cantas cousas barrería”- pero versionada polo músico Manu Rivero e interpretada por Teté Delgado. O realizador é Álex Sampaio; o deseño da iluminación corre a cargo de Suso Bello; a dirección artística de Marta Villar; o vestiario é de María Fandiño; e Trini, Iris e Begoña serán as reponsables de  perruquerría e Maquillaxe. O guion conta cun non menos importante equipo de guionistas galegos, como son Xavier Manteiga, José Luis Prieto, Manolo Cortés e Paco Abeleira.

Retranca,  discusións derivadas do propio xogo da ‘escoba’, tristuras e alegrías pero sempre con moito humor do noso, nace esta ‘galecom’ que de seguro, manterá pendentes ás familias galegas do que aconteza en cada capítulo.

Categoría: Noticias
Etiquetas: