COMEZA EN NARÓN A RODAXE DE «A NENA QUE TIÑA UNHA SOA ORELLA»

10 / 11 / 2008

Hoxe luns comeza a rodaxe desta historia baseada nun conto de Lucía Extxebarría e que trata sobre a vida de Allegra, unha nena de 5 anos que irá aprendendo a aceptar de forma natural as diferenzas.
Baseada no conto da escritora Lucía Etxebarría “La fantástica niña pequeña y la cigüeña pedigüeña”, conta coas ilustracións de Víctor Coyote e con Álvaro León na dirección.

Esta historia de animación producida por Rubén Coca conta co apoio da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

“A NENA QUE TIÑA UNHA SOA ORELLA” é un conto infantil orientado a tódolos públicos debido á súa clara vocación divulgativa e de concienciación cara ó respecto ás diferenzas entre os seres humanos.

Tras varios meses de preparación, este luns chega o momento de darlle luz e vida a esta pequena grande historia na que en aproximadamente 10 minutos nos introduciremos na vida de Allegra, unha nena de 5 anos que irá aprendendo a aceptar de forma natural as diferenzas.

Para darlle vida a esta historia empregaranse diferentes técnicas narrativas de animación, desde a máis tradicional baseada no uso de monicreques, colaxes e sombras chinesas, ata chegar ás técnicas máis avanzadas de STOP MOTION, 3D e CGI.

Durante varias semanas de intensivo traballo de rodaxe e varios meses de posprodución alternando diversas localizacións da comarca de Ferrol e Narón, a principios de 2009 poderemos gozar desta obra no seu formato cinematográfico final.

Categoría: Noticias
Etiquetas: