A COMEDIA “TENSIÓN SEXUAL NO RESUELTA” PROTAGONIZA O CICLO “CINE POR DENTRO”

11 / 10 / 2011

A Fundación Autor continúa en Santiago de Compostela o ciclo Cine por dentro (Diseccionando filmes) tra-las pasadas experiencias con José Luis Borau, José Luis Cuerda, Antón Reixa, Jonás Trueba, Ángel de la Cruz, Manuel Gutiérrez Aragón, Imanol Uribe, Jorge Coira e outros cineastas de prestixio. Nesta nova cita, que terá lugar o mércores 19 ás 18:00 horas, detallaranse os segredos de Tensión sexual no resuelta, unha comedia persoal de Miguel Ángel Lamata. Ao remate da proxección terá lugar un faladoiro con asistencia do propio director.

Ás 18:00 horas principiará a proxección de Tensión sexual no resuelta e, ao seu remate, a conferencia-faladoiro. O público poderá intervir facendo preguntas ou comentarios; nesta ocasión, os asistentes poderán falar con Lamata das particularidades dunha das comedias máis populares dos últimos tempos.

 

Miguel Ángel Lamata (Zaragoza, 1967) é responsable dalgunhas curtametraxes de éxito e traballou tamén como guionista en diversos programas de televisión (El informal, entre os máis coñecidos). Tensión sexual no resuelta é a súa peli máis persoal, estreada tras Una de zombis (2004) e Isi/Disi: Alto voltaje (2006). Esta comedia de enredos trae a Miguel Ángel á sede de SGAE en Compostela para participar no ciclo Cine por dentro. Tra-la proxección da película, no faladoiro, contaranos as particularidades de rodar unha comedia, cómo se divirte facendo cine ou cómo conseguiu engaiolar a Santiago Segura para que o producise.

 

A seguinte cita co ciclo Cine por dentro será o 22 de novembro con outra exitosa comedia do cine español máis recente: Spanish movie (Javier Ruiz). Os billetes para estas convocatorias, a un prezo de 3 euros, están xa á venda na web http://entradas.novacaixagalicia.es. Máis información, no teléfono 981.569082 ou no correo gnieves@sgae.es

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: