O CLÚSTER AUDIOVISUAL GALEGO CELEBROU A SÚA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DO 2014

27 / 06 / 2014

O Clúster Audiovisual Galego (Clag) celebrou na mañá de hoxe venres, día 27 de xuño, en Santiago de Compostela, a súa Asemblea Xeral Ordinaria de socios correspondente ao presente exercicio. Durante a asemblea, aprobáronse por unanimidade as contas do pasado exercicio así como o orzamento para este ano 2014. Así mesmo, deuse conta das actuacións levadas a cabo polo Clag durante o pasado 2013 e a primeira metade do presente ano, e avanzouse o plan de actuacións previsto para o segundo semestre de 2014. Na sesión, na que estiveron representados a maioría dos socios que integran este organismo intermedio, o presidente do Clag, Andrés Barbé, insistiu na importancia de que as compañías galegas participen en proxectos colaborativos, que, sen dúbida, incidirán na mellora da competitividade empresarial, asegurou.

Pola súa parte, a xerente do Clag, Mar Varela, presentou as contas do pasado exercicio e o orzamento para este ano 2014. Ademais, deu conta das actividades e avances realizados nestes meses para a consecución dos obxectivos do clúster.

Por outra banda, a Asemblea ratificou a incorporación de tres novas empresas como socios do Clúster Audiovisual Galego. Trátase da compañía de son La Panificadora e das produtoras Filomena 3D e Fórmula Films.

Categoría: Noticias
Etiquetas: