O CLAG ASISTIRÁ AOS MERCADOS INTERNACIONAIS IBC AMSTERDAM, BROADCAST E FICOD NOS PRÓXIMOS MESES

17 / 06 / 2011

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) asistirá nos próximos meses aos mercados IBC Amsterdam, Broadcast e FICOD, dentro da súa estratexia de internacionalización, co obxectivo de propiciar oportunidades de negocio ás empresas do sector audiovisual galego. En concreto, o Clúster asistirá cunha delegación de empresas ás edicións deste 2011 de IBC Amsterdam e de FICOD, mentres que en Broadcast contará cun stand compartido con Eiken Clúster do País Vasco e co Clúster Audiovisual de Madrid.

O IBC Amsterdam é unha das datas más importantes no calendario para a industria mundial dos medios electrónicos. A Conferencia IBC 2011 Amsterdam celebrarase do 8 ao 13 de setembro, mentres que a Feira IBC 2011 Amsterdam, Exposición Comercial, terá lugar os días 9 ao 13 de setembro. Cando aínda faltan tres meses para a celebración deste evento son xa varias as empresas interesadas en formar parte da delegación do CLAG que visitará este mercado.

Por outra parte, o Clúster tamén participará en Broadcast 2011cun stand, xunto cos seus homólogos do País Vasco e de Madrid. Este mercado celebrarase do 25 ao 28 de outubro no recinto feiral madrileño. Nesta 15 edición do Salón Profesional Internacional da Tecnoloxía Audiovisual (International Audio-Visual Technology Trade Show), os tres clusters audiovisuais españois con stand na feira organizarán un encontro networking para propiciar os intercambios comerciais entre as empresas que conforman os distintos clústers audiovisuais do noso país. Ademais, o Clúster Audiovisual Galego participará como invitado nunha conferencia sobre o papel dos clústers como xeradores de negocio audiovisual.

Finalmente, do 22 ao 24 de novembro, o recinto feiral madrileño acollerá a quinta edición de FICOD, o Foro Internacional de Contidos Dixitais, no que o CLAG tamén estará presente cunha delegación de empresas. FICOD nace no ano 2007 impulsado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, así como pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións, encomendando a Red.es a súa organización, para que no marco do Plan Avanza, se desenvolva e potencie a industria española de contidos dixitais con especial foco nos mercados de lingua española, xa que este idioma ten unha importancia latente no mundo actual.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: