Cineuropa e a AGA lembran a Toñito Blanco e Chichi Campos nunha sesión especial do festival

20 / 11 / 2015

O vindeiro luns 23 de novembro no Salón Teatro, Cineuropa e a Academia Galega do Audiovisual ofrecerán aos espectadores do festival compostelán unha sesión especial para lembrar a dous dos protagonistas máis singulares da historia recente do audiovisual galego. As vidas e aventuras de Toñito Blanco, director de «A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos» serán lembradas desde a proxección do documental realizado por Nico Campos, «Toñito Blanco, só, perdido e vicioso», que iniciará a sesión. Despois do documental, comezará un coloquio que presentará Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, e no que participarán compañeiros de rodaxe da longametraxe e de programas de Toñito Blanco e Chichi Campos: Manuel Manquiña, Antonio Durán «Morris», Juanillo Esteban, Xaime Fandiño, Tata Campos, Nico Campos e Xosé Manuel Pereiro. No coloquio proxectaranse fragmentos escollidos dos programas nos dirixidos ou guionizados por Chichi Campos. A entrada é de balde ata completar o aforo.

Toñito Blanco, (1964-1994) ademais de dirixir e interpretar «A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos», xunto a Ricardo Llovo, foi guionista e intérprete dunha das primeiras series realizadas en Galicia, «Composteláns». Tamén participou en diversos programas da Televisión de Galicia como «A tumba aberta».

Chichi Campos, (1952-1991) foi humorista gráfico, autor de banda deseñada, guionista e director de programas marcados polo sentido do humor. Colaborou como humorista gráfico en case todas as cabeceiras galegas. Na Televisión de Galicia participou en programas como «Máis ozono», «A ver que vai ser isto».

 

Categoría: Novas
Etiquetas: