OS CINES MALDÁ DE BARCELONA PROXECTAN OS TRIUNFADORES DOS X PREMIOS MESTRE MATEO

11 / 10 / 2012

Un ano máis a Acadèmia del Cinema Catalá e a Academia Galega do Audiovisual danse as mans para lograr un obxectivo común: a promoción das respectivas producións cinematográficas. O martes 16 de outubro poderanse ver nos Cines Maldà de Barcelona as gañadoras da pasada edición dos premios galegos Mestre Mateo, outorgados o 28 de abril do 2012: a mellor longametraxe, Doentes, de Gustavo Balza, filme crepuscular que narra a historia de dous perdedores na Compostela dos anos 50 e que chegou a acumular ata cinco premios; o mellor documental, As silenciadas de Pablo Ces, que entrelaza testemuñas históricas do movemento feminino e guerrilleiro antifranquista para acabar consolidándoo como alicerce crave da resistencia; e a mellor obra experimental, De amor e cantería, de Mikel Fuentes, unha curtametraxe de 13 minutos que recrea algunhas das pezas líricas do poeta galego Manuel María.

A tripla sesión empezará ás 8 da noite e  poden asistir todos aqueles que o queiran de xeito gratuíto ata completar o aforo.

Con esta iniciativa a Academia de Cine Catalán e a Academia Galega don Audiovisual fan unha fronte común a favor da difusión do cine autóctono. O pasado maio o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) proxectou catro das premiadas nos IV Premios Gaudí: a mellor película, Eva; o mellor filme de animación, Chico & Rita; o mellor documental, Barcelona antes de que o tempo non o borre; e a mellor película para televisión, 14 de Abril. Macià contra Companys.

Etiquetas: