A Coruña, 29 de novembro de 2024 | Nun acto celebrado hoxe no Hi Human Intelligence Hub da Coruña, a Academia Galega do Audiovisual entregou o XIII Premio José Sellier a CIMA, Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales, recoñecendo “a súa fundamentada denuncia da desigualdade de xénero, discriminación e falta de oportunidades para as mulleres no sector audiovisual e o seu incesante labor a prol do incremento e visibilización do papel das profesionais da industria, favorecendo unha maior representación das mulleres tanto nas pantallas como nos equipos.”
O galardón foi recollido por Nati Juncal, delegada en Galicia de CIMA, quen estivo acompañada por Elena G. Román, subdelegada, e Marta Villar, ex-delegada da asociación. A entrega do trofeo correu a cargo de Alfredo Sellier, descendente do cineasta que dá nome ao premio. No evento tamén participaron o Concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra.
CIMA, fundada en 2006, é unha asociación profesional que traballa para promover a igualdade de xénero no sector audiovisual. Desde a súa fundación realizou numerosas campañas para denunciar a desigualdade das mulleres na industria cinematográfica e televisiva. Conta cunha sede central en Madrid e delegacións territoriais en Galicia, Andalucía, Cataluña, Valencia, Canarias, Baleares e Navarra. A delegación territorial de Galicia foi a primeira en ser constituída, aló polo 2009 e, na actualidade está formada por 59 socias.
O Premio José Sellier, promovido pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, recoñece o labor de iniciativas relevantes para o sector audiovisual galego. O galardón honra a memoria de José Sellier Loup (1850-1922), pioneiro do cinema en España, quen en 1897 filmou na Coruña as películas máis antigas datadas no noso país, como Fábrica de gas, Praza de Mina e Oleaxe no Orzán. O trofeo, deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, reproduce a cámara Lumière empregada por Sellier para realizar estas películas pioneiras.
Con esta distinción, a Academia Galega do Audiovisual pon en valor o compromiso de CIMA coa igualdade e a visibilidade do traballo das mulleres no sector.
O Premio Especial José Sellier é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, que conta co apoio do Concello da Coruña.