CICLO TRUFFAUT-DOINEL NO CGAI

6 / 06 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe na semana do 7ao 10 de xuño adica un ciclo a Truffaut.

Ciclo FRANÇOIS TRUFFAUT / ANTOINE DOINEL:

Logo dunha indómita traxectoria como crítico e da dirección de tres curtametraxes, o cineasta francés François Truffaut (1932-1984) realiza a súa exitosa ópera prima Los cuatrocientos golpes (1959). O filme, moi persoal, amargo e con abundantes compoñentes autobiográficos, aproximábase á complexa infancia dun cativo con problemas de adaptación ao seu contorno chamado Antoine Doinel, papel interpretado polo adolescente Jean-Pierre Léaud, logo actor emblemático do seu cine e, por extensión, de relatos de autor esixentes e laboriosos. Truffaut, nunha singular operación, decide volver a radiografar a personaxe percorrendo épocas e itinerarios da súa xuventude: o episodio Antoine et Colette (1962) –onde lanza o personaxe de Colette, interpretado pola recén falecida Marie-France Pisier- do filme El amor a los veinte años; Besos robados (1968) e Domicilio conyugal (1970). Vinte anos de Antoine Doinel (e da sociedade francesa) desenvólvense entre a primeira incursión e a quinta e última, a recapitulación ou mosaico que extrae fragmentos das anteriores El amor en fuga (1979).
No prólogo ao seu libro Les aventures de Antoine Doinel (1970), volume que acolle os guións e notas de traballo dos por entón catro achegamentos a Doinel, Truffaut relata unha anécdota clarividente. Logo dun pase televisivo de Besos robados, entra á mañá seguinte nunha taberna descoñecida. O camareiro, como acontecerá outras veces, mestura no seu maxín cineasta e actor e lle espeta: “Esa película fíxoa hai tempo, non? Era vostede máis novo…”. Ambos os dous autodidactas sensibles, individualistas e impulsivos, bordeando a delincuencia e o naufraxio vital na súa mocidade, a fantasía sen límite e certo carácter entrañable van redimir o seu tránsito á madurez –lugar de chegada finalmente imposible para Léaud-, un conxunto de circunstancias que lle serven a Truffaut nesta serie de títulos para formular unha moi particular relación co ser humano e o seu tempo, mentres exercita un delicioso e agridoce xogo de espellos.     

MARTES 7 DE XUÑO (18.00 e 20.45 horas)
LES 400 COUPS / LOS CUATROCIENTOS GOLPES    
(Francia, 1959)
Dirección: François Truffaut. Guión: François Truffaut e Marcel Moussy, sobre un argumento do primeiro. Produción: S.E.D.F. e Les Films du Carrosse. Fotografía: Henri Decae. Intérpretes: Jean-Pierre Léaud, Claire Maurier, Albert Rémy. Duración: 93 minutos.
Un cativo de trece anos, Antoine Doinel, leva unha problemática vida co seu padrastro e a súa nai. Doinel é un cativo soñador, inconformista, en parte asocial, que difícilmente soporta o mundo familiar cheo de amargura. Unha mentira escolar faille meditar na fuxida. Primeira (e mítica) película de Truffaut, un dos filmes que axudaron a construir a Nouvelle Vague. Comezada a rodar un día antes da morte do seu mestre André Bazin, foi premiada en Cannes e tivo un importante éxito de público. Aparicións de Jeanne Moreau e Jean-Claude Brialy.

MÉRCORES 8 DE XUÑO (18.00 e 20.45 horas)      
ANTOINE ET COLETTE     
(Francia, 1962)
Dirección e guión: François Truffaut. Produción: Ulyses Productions e Unitec. Fotografía: Raoul Coutard. Intérpretes: Jean-Pierre Lèaud, Marie-France Pisier. Duración: 32 minutos.
Episodio do filme El amor a los veinte años (os restantes segmentos están dirixidos por Renzo Rossellini, Andrzej Wajda, Shintaro Ishihara e Marcel Ophuls) que responde ao vencello dun esgotado Truffaut –logo de Jules y Jim– a Doinel. Antoine Doinel ten agora 17 anos, vive nun hotel e traballa para o departamento de discos da casa Philips. Nun concerto coñece a Colette, da que rapidamente namora.  

BAISERS VOLÉS / BESOS ROBADOS    
(Francia, 1968)
Dirección: François Truffaut. Guión: Claude de Givray, Bernard Revon e François Truffaut. Produción: Les Films du Carrosse e Les Productions Artistes Associés. Fotografía: Denys Clerval. Intérpretes: Jean-Pierre Lèaud, Delphine Seryg, Claude Jade, Michel Lonsdale. Duración: 90 minutos.
Degradado no exército pola súa inestabilidade psíquica, Antoine Doinel regresa á vida civil. Namórase ao tempo que transita por sucesivos empregos. Deliciosa e traxicómica, anacrónico e romántico Doinel –favorecido polo aumento de rexistros e seguridade de Léaud, para entón xa tamén actor emblemático fetiche de Godard-, unha auténtica antoloxía da comedia (aparentemente) lixeira preto de autores como Renoir e Lubitsch. A rodaxe deste proxecto, que Truffaut tiña en mente desde 1965, coincide coa tentativa de eliminar a Langlois como máximo responsable da Cinémathèque, liminar de maio do 68 e da anulación de Cannes. Finalista ao Oscar á mellor película estranxeira.         

XOVES 9 DE XUÑO (18.00 e 20.45 horas)      
DOMICILE CONJUGAL / DOMICILIO CONYUGAL    
(Francia, 1970)
Dirección: François Truffaut. Guión: Claude de Givray, Bernard Revon e François Truffaut. Produción: Les Films du Carrosse, Valoria Films e Fida Cinematografía. Fotografía: Néstor Almendros. Intérpretes: Jean-Pierre Léaud, Claude Jade. Duración: 100 minutos.
Antoine Doinel ten agora 26 anos e aparece casado con Christine. Ela é profesora particular de violín, Doinel tinta flores. Un peculiar grupo de veciños, o gusto pola digresión, o áxil ritmo (influido, como ben sinalan Antoine de Baecque e Serge Toubiana, polas comedias de Hawks, McCarey ou Capra), a fotografía do español Néstor Almendros e un ton máis burlesco definen a película e a relación establecida por Truffaut coa súa época.   

VENRES 10 DE XUÑO (18.00 e 20.45 horas)      
L’AMOUR EN FUITE / [EL AMOR EN FUGA]   
(Francia, 1979)
Dirección: François Truffaut.. Guión: Suzanne Schiffman, Jean Aurel, Marie-France Pissier e François Truffaut. Produción: Les Films du Carrosse. Fotografía: Néstor Almendros. Intérpretes: Jean-Pierre Léaud, Marie-France Pisier. Duración: 94 minutos.
O fracaso económico de La chambre verte (1977) leva a Truffaut a renunciar a varios proxectos. Con dúbidas e aprensións, o director decide realizar un recorrido ou síntese da personaxe de Doinel, unha disección dos seus perennes problemas de integración, a súa inmadurez, favorecendo o uso de metraxe apropiada de parte da súa propia filmografía (uns 20 minutos). Doinel traballa agora como corrector nunha imprenta e tamén escribe novelas. Está separado de Christine. Éxito de público e César á mellor partitura (Georges Delerue), aínda que non chegaría a estrearse comercialmente en España.  

Categoría: Noticias
Etiquetas: