CICLO MARCELO EXPÓSITO (ENTRE SOÑOS. ENSAIOS SOBRE A NOVA IMAXINACIÓN POLÍTICA)

12 / 01 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) presenta a partir de mañá mércores 13 de xaneiro a serie de traballos “Entre soños. Ensaios sobre a nova imaxinación política”, unha proposta por entregas a cargo do artista, activista e investigador Marcelo Expósito que aparece como un retrato do ascenso do movemento global e os novos movementos sociais metropolitanos. O autor ademais presentará e terá un encontro co público nas sesións do xoves 14 de xaneiro (20.30 horas), coa proxección do primeiro titulo da serie Primero de mayo (2004), e o venres 15 de xaneiro (20.30 horas) con No reconciliados (Nadie sabe lo que un cuerpo puede) (2009), de momento última peza. Mañá mércores 13 de xaneiro proxectaranse La imaginación radical (2004) e Frivolidad táctica + Ritmos de resistencia (2007). A entrada a todas as sesións é gratuíta.    

Figura esencial da combinación moderna do activista, artista e investigador, Marcelo Expósito (Puertollano, 1966) expande a súa práctica cara ao ábito da teoría crítica, o traballo editorial, o comisariado, a docencia e a tradución. Residente na actualidade en Barcelona e Bos Aires, é profesor no programa de estudos do MACBA, na Universidad de Castilla-La Mancha e na Universitat Pompeu Fabra. Membro da Universidad Nómada, integrante dos colectivos editoriais das revistas online transversal e desbordes, tamén contribúe á fundación e edición da revista brumaria (2002-2006). Na súa proteica traxectoria comparece como autor e editor de valiosas e pioneiras monografías sobre Chris Marker e Pere Portabella, ademais de traballos videográficos que constatan as súas experiencias sociopolíticas e culturais.      
 
Entre soños é unha serie de traballos que comezou a proxectarse no ano 2002 e atopou a súa primeira materialización en dous vídeos realizados no ano 2004. A súa declaración de intencións inicial constitúe unha constante durante toda a traxectoria do proxecto: “unha serie dedicada a retratar o ascenso do movemento global e os novos movementos sociais metropolitanos, sobre o pano de fondo das actuais transformacións urbanas e as representacións arquetípicas e históricas da cidade moderna”. O obxectivo que se trazaba ocultamente nun primeiro momento era, en realidade, algo máis pragmático: tratábase de elaborar representacións dos acontecementos, procesos, modos de acción, etc., característicos da experiencia que entón chamabamos movemento global ou movemento de movementos.

Entre soños procuraba orixinalmente atopar a distancia e o punto de vista xustos, adecuados, á hora de promover representacións das novas formas de politización características do actual ciclo de protesta. Partíase dunha hipótese sobre a posibilidade de elaborar representacións das actuais formas de acción política que non se producisen desde un distanciamento meramente descritivo. Tratábase de pensar simultaneamente a representación da acción política e a política das súas representacións; a dimensión pública da súa política do acontecemento e os seus procesos internos de subxectivación; o carácter das súas innovacións e os seus enraizamentos históricos; a política das súas formas de expresividade e a estética das súas formas de acción. Un punto de vista participante, no que a representación se formula non xa como un reflexo descritivo, senón máis ben como outra forma de contribuír aos procesos de modelación política e subxectiva dos movementos, á multiplicación das súas ferramentas e formas de expresión.

Cando a serie comezou a elaborarse, o décalage temporal parecía ser o adecuado: apenas pasaran catro anos desde que se producira o acontecemento Seattle (protestas contra o cume da Organización Mundial do Comercio), tres desde Praga (contra o encontro anual do FMI e o Banco Mundial) e dous desde Barcelona (cancelación do seminario do Banco Mundial previsto na cidade). O proxecto da serie permitía pensar ese ciclo político nun punto intermedio entre o tempo real e a distancia temporal; tratábase de someter a consideración a complexidade dos novos procesos de politización, por un lado, sen verse sometidos á urxencia da acción directa, pero tamén, por outro, sen enfocalos como acontecementos proxectados cara a atrás na historia.

O transcurso do tempo e o encontro con novas realidades obriga a ir reaxustando as intencións iniciais. É complexo —seguramente xa imposible— falar neste momento de algo tan centrado como “un” movemento de movementos sen engadir moitas matizacións. A finais de 2009 cúmprense nada menos que dez anos do acontecemento Seattle; o breve e intensísimo arco de contracumes comprendido entre entón e o drama de Xénova en 2001 (protestas contra o encontro mundial do G-8, saldadas co experimento de produción controlada e a escala reducida dunha guerra social por parte das autoridades e as forzas de seguridade) viuse acompañado nese mesmo ano pola destrución das Torres Xemelgas de Nova York e a explosión social do 19 e 20 de decembro na Arxentina, cando as receitas neoliberais aplicadas rigorosamente durante anos lle amosaron a todo o planeta o colapso da economía dunha nación e a virtual desaparición do mando exercido polas súas estruturas de poder económico e político. Coa finalización do cuarto capítulo da serie, o título xeral ampliouse cun subtítulo: Ensaios sobre a nova imaxinación política, o cal dá conta do carácter máis amplo das súas hipóteses e formulacións actuais”.

Categoría: Noticias
Etiquetas: