CICLO JAN ŠVANKMAJER NO CGAI

12 / 03 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes 13 de marzo (20.30 horas) unha completa retrospectiva dedicada a unha das grandes figuras históricas do cine de animación, o checo Jan Švankmajer (Praga, 1934). Posibilidade única de ver unha obra chea de inventiva, lúdica, con elementos surreais e coidadas e variadas técnicas, a proxección de mañá, ALICE (1987), é o seu filme máis popular, persoal versión da lendaria obra de Lewis Carroll. Aproveitando o inicio do ciclo, haberá unha presentación ( e coloquio posterior co público) a cargo do crítico galego Eloy Domínguez, co-director da publicación especializada dixital A CUARTA PAREDE e bó coñecedor da obra do cineasta checo. A entrada á sesión de mañá é de balde.  

JAN ŠVANKMAJER:
En colaboración co Centro Checo.
 
Jan Švankmajer nace en Praga en 1934. Mestre surrealista e figura titánica do cine de animación, Švankmajer é un home renacentista que cobre case que todas as modalidades artísticas. Poeta, debuxante, pintor, ceramista, director, o seu catálogo de gustos, tendencias e influencias vai da novela gótica e a literatura fantástica a Max Ernst, o Bosco, Magritte ou De Chirico. Švankmajer non estuda propiamente cine, pero a súa ecléctica formación, desde a Escola Superior de Artes Aplicadas (1950-1954) ata a especialidade en escenografía e dirección de monicreques na Facultade de Teatro na Academia de Belas Artes de Praga (1954-1958), predeterminan a súa futura evolución creativa. No Teatro da Linterna Máxica ensaia procedementos, mesmo efectos especiais, que terán incidencia na súa obra fílmica. Švankmajer roda o seu primeiro filme en 1964, ligándose case desde os inicios ao Grupo Surrealista de Checoslovaquia. Denominado surrealista sarcástico ou alquimista de Praga, forma parte dun consistente legado do cinema do leste de Europa imposible de esquecer. Švankmajer colabora ademais coa súa parella, Eva Švankmajerova, ata a morte dela en 2005.
O humor, o sentido lúdico, a sensibilidade, o potencial simbolista e a capacidade de inventiva fan da súa obra unha experiencia senlleira, inesquecible, na que mestura tanto orixinais dispositivos como imaxinativas estratexias narrativas, do emprego do colaxe á animación, dos monicreques e coidadas escenografías ao culto aos obxectos, a práctica do debuxo ou os rigorosos estudos emprendidos arredor do tactilismo. Acaba de se editar no noso país o libro Para ver, cierra los ojos, unha escolma de escritos do autor (e mesmo unha entrevista) que complementa á perfección o visionado das memorables pezas -de Jabberwocky a Alice – desta retrospectiva completa dedicada ao creador checo.    
 
Martes 13 de marzo (20.30 horas). Presentación a cargo do crítico Eloy Domínguez.
NECO Z ALENKY / ALICE     
(Checoslovaquia-Suíza-Reino Unido-RFA, 1987)
Dirección e guión: Jan Švankmajer, sobre a narración de Lewis Carroll Alicia en el país de las maravillas. Produción: Channel Four Films, Condor Films. Fotografía: Svatopluk Malý. Intérpretes: Kristýna Kohoutová. Duración: 84 min.  
Premio á mellor película no Festival especializado de Annecy. «Alice, que foi a primeira longametraxe de Švankmajer, é probablemente unha das máis accesibles para o gran público. Alicia en el país de las maravillas (1865) de Lewis Carroll forneceulle un texto admirado polos surrealistas e un tema moi na liña das preocupacións do propio Švankmajer -un diálogo coa infancia e co mundo infantil de imaxinativo xogo sen límites-. Explorara con antelación este territorio nun filme anterior, Jabberwocky (1971), inspirado por Carroll e por Nezval. Malia deixar claro no título checo do filme, Algo de Alicia, que non tentou filmar ou ‘adaptar’ a novela, o que en última instancia sorprende é menos a desigualdade ca a semellanza» (Peter Hames). Sesión presentada polo crítico galego Eloy Domínguez, co-director da publicación dixital especializada A Cuarta Parede.

Mércores 14 de marzo (18.15 e 20.30 horas)
Sesión de curtametraxes Jan Švankmajer 1:
Poslední trik pana Schwarzewaldea a pana Edgara / O último truco do señor Schwarcewallde e o señor Edgar (Checoslovaquia, 1964). Duración: 10 min.
Rakviâkárna / A fábrica de ataúdes (Checoslovaquia, 1966). Duración: 10 min.
Et cetera (Checoslovaquia, 1966). Duración: 8 min.
Historia naturae (Checoslovaquia, 1967). Duración: 10 min.
Byt / El apartamento (Checoslovaquia, 1968). Duración: 13 min.
Tichy tyden v dome / Unha tranquila semana na casa (Checoslovaquia, 1969). Duración: 13 min.
Spiel mit Steinen / Xoga coas pedras (Austria, 1965) Duración: 8 min.
J. S. Bach-Fantasia g-moll / J. S. Bach: fantasía en sol menor (Checoslovaquia, 1965). Duración: 8 min.
Picknick mit Weismann / Picnic con Weismann (Austria, 1969). Duración: 13 min.
Duración total: 93 min.
Programa de curtametraxes sen diálogos. Os comezos do xenio Švankmajer presentan unha rexa combinación de técnicas infinitas de animación: monicreques, imaxe real, debuxos animados, obxectos heteroxéneos, … Varias destas pezas recibiron importantes premios: do Xurado á mellor curtametraxe en Cannes 1965 para a xenerosa correspondencia entre obxectos e música de Bach ideada en J. S. Bach: fantasía en sol menor; premio Josef Von Sternberg no certame de Mannhein-Heidelberg 1966 para a exploración no teatro de monicreques A fábrica de ataúdes.
 
Venres 16 de marzo (18.15 e 20.30 horas)
LEKCE FAUST / LA LECCIÓN FAUSTO      
(República Checa-Francia-Reino Unido, 1994)
Dirección e guión: Jan Švankmajer, sobre as obras de Goethe, Grabbe e Christopher Marlowe. Produción: Athanor, BBC, CNC, Heart of Europe Prague Productions, Kominsk, Lumen Films, Pandora Cinema. Fotografía: Svatopluk Malý. Intérpretes: Petr Cepek, Jan Kraus. Duración: 90 min.
Premio especial do Xurado en Karlovy Vary 1994. “Fausto é, na miña opinión, unha das situacións morfolóxicas fundamentais tanto do individuo coma da comunidade. Todo home se encontra algún día perante un dilema: vivir a súa vida conforme a vaga promesa dunha felicidade institucional, ou ben sublevarse e tomar un camiño a contracorrente da civilización, isto sen ter en conta as consecuencias. Esta segunda opción desemboca sempre nunha caída individual; a primeira, nunha caída da humanidade como tal. Mais, é, se cadra, o contrario? Porén, esta ambigüidade non minimiza o tráxico do destino humano” (Jan Švankmajer).

Martes 20 de marzo (18.15 e 20.30 horas)  
SPIKLENCI SLASTI / LOS CONPIRADORES DEL PLACER     
(República Checa-Suíza-Reino Unido, 1996)
Dirección e guión: Jan Švankmajer. Produción: Athanor, Cominici e Delfilm. Fotografía: Miroslav Spála. Intérpretes: Petr Meissel, Gabriella Wilhelmová. Duración: 75 min.  
Longametraxe competidora no Festival de Locarno 1996, en palabras de Švankmajer “opón as inofensivas perversións imaxinativas dos individuos ás monstruosas da civilización, coma a política, a guerra, as conferencias de paz, a limpeza étnica, os accidentes e as pragas. O que, no plano individual, conduce á liberación e ao desexo (cando menos provisoriamente), leva no conxunto da civilización (noutras palabras, cando é colectivizado) á escravitude e o asasinato en masa”.  

Mércores 21 de marzo (18.15 horas)  
Sesión curtametraxes Jan Švankmajer 2:
Zahrada / O xardín (Checoslovaquia, 1968). Duración: 19 min.
Kostnice / O osario (Checoslovaquia, 1970). Duración: 10 min.
Don Šajn / Don Juan (Checoslovaquia, 1970) Duración: 30 min.
Žvahlav aneb Šatičky Slaměného Huberta / Jabberwocky (Checoslovaquia, 1971) Duración: 12 min.
Otransky zámek / O castelo de Otranto (Checoslovaquia, 1973-1979) Duración: 17 minutos.
Zánik domu sheru / A caída da casa Usher (Checoslovaquia, 1980) Duración: 15 min.
Jiny druh Iásky / Outra clase de amor (Reino Unido-RFA, 1988) Duración: 4 min.
Kyvadlo, jáma a nâdeje / O pozo, o péndulo e a esperanza (Checoslovaquia, 1983). Duración: 15 min.
Duración total: 122 min.
Outra sesión con pezas curtas dirixidas por Švankmajer, todas de primeiro orde, entre elas o famoso achegamento ao universo de Lewis Carroll, Jabberwocky. Tres adaptacións de novela gótica e literatura fantástica con Poe, Walpole ou Villiers de L’Isle Adam como principais referentes; un documental sobre un osario con formas que parecen cobrar vida; a tradición dos monicreques ou o espírito kafkiano nunha sucesión de traballos memorables. A persoal mitoloxía surrealista do autor, o seu virtuosismo, a heteroxeneidade de formas empregadas e o cultivo sutil do humor negro non nos abandonan.       

Mércores 21 de marzo (20.30 horas)  
ŠILENÍ / LUNACY      
(República Checa-Eslovaquia, 2005)
Dirección e guión: Jan Švankmajer, sobre narracións e escritos de Edgar Allan Poe e o marqués de Sade. Produción: Athanor, Barrandov, C-Ga Film e Ceská Televize. Fotografía: Juraj Galvánek. Intérpretes: Pavel Liska, Jan Triska. Duración: 118 min.  
Galardoado filme de terror. “A nosa película pode ser considerada como un tributo infantil a Edgar Allan Poe, de quen tomamos emprestados varios motivos. E ao marqués de Sade, a quen a película debe a súa blasfemia e a súa subversión. O tema da película é, esencialmente, un debate ideolóxico sobre como dirixir un manicomio” (Jan Švankmajer).

Venres 23 de marzo (21.00 horas)  
Sesión curtametraxes Jan Švankmajer 3:  
Leonarduv denik / O diario de Leonardo (Checoslovaquia-Italia, 1972). Duración: 10 min.
Moznosti dialogu / Posibilidades de diálogo (Checoslovaquia, 1982). Duración: 11 min.
Do pivnice / No soto (Checoslovaquia, 1982). Duración: 14 min.
Muxznê hry / Xogos viriles (Checoslovaquia, 1988). Duración: 15 min.
Flora (Estados Unidos, 1989). Duración: 20 min.
Tma-svetlo-tma / Escuridade, lus, escuridade (Checoslovaquia, 1989). Duración: 10 minutos.
Zamilované maso / Carne namorada (Reino Unido-Estados Unidos-RFA, 1989). Duración: 1 min.
Konec Stalinismu v Cechách / La muerte del estalinismo en Bohemia (Reino Unido, 1990). Duración: 10 minutos.
Jídlo / O xantar (Checoslovaquia-Reino Unido, 1992). Duración: 17 min.
Duración total: 93 min.  
Sesión de curtametraxes sen diálogos. As obsesións do autor afloran: Arcimboldo, os medos infantís, a experimentación táctil, a colaxe surrealista, a importancia dos obxectos, boas doses de humor (os antolóxicos filetes amantes de Carne namorada),… Unha das pezas máis coñecidas, sen dúbida é a sátira-percorrido histórico La muerte del estalinismo en Bohemia, sinal da complexa relación que Švankmajer manterá cos diversos gobernos e desmitificación da guerra fría.  

Xoves 29 de marzo (20.30 horas)
OTESÁNEK / LITTLE OTIK     
(República Checa-Reino Unido, 2000)
Dirección e guión: Jan Švankmajer, sobre un conto de Karel Jaromír Erben. Produción: Athanor, Barrandov Biografía, Film Four, Illumination Films. Fotografía: Juraj Galvánek. Intérpretes: Veronika Zilková, Jan Hartl. Duración: 127 min.  
“De forma similar a Fausto (e, ao seu xeito, tamén Los conspiradores del placer, reflicte estes mecanismos fatais do noso psiquismo: as persoas so a influencia dos mitos, que acordaron á vida por un acto propio ‘inocente’, de súpeto non poden saírse da acción que os manexa e os leva cunha ‘lóxica imaxinativa’ ata o amargo final” (Jan Švankmajer).  

Venres 30 de marzo (18.15 e 20.30 horas)
PŘEŽÍT SVŮJ ŽIVOT (TEORIE A PRAXE) / SURVIVING LIFE (THEORY AND PRACTICE)     
(República Checa-Eslovaquia, 2010)
Dirección e guión: Jan Švankmajer. Produción: Athanor, C-Ga Film, Ceská Televize e UPP. Fotografía: Juraj Galvánek e Jan Ruzicka. Intérpretes: Václav Helšus, Klára Issová. Duración: 105 min.  
A historia de Evzen, un home casado que unha noite soña que flirtea cunha moza chamada Eva. Co soño convertido en obsesión, Evzen vese abocado a visitar a un psiquiatra e principia entón unha amálgama de universos: as lembranzas da infancia que elabora en terapia; a vida coa muller; o soño recorrente, en que o seu romance con Eva vai progresando. Imaxinativa colaxe que mestura actores de carne e óso e unha stop-motion que acrecenta a sensación de irrealidade.  

Categoría: Noticias
Etiquetas: