CICLO E SEMINARIO DE GODARD NO CGAI

26 / 04 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe organiza esta semana o ciclo “QUEN TEME A JEAN-LUC GODARD?” que irá acompañado dun seminario o venres 29 de abril. A revolución constante que representa o cine de Jean-Luc Godard e o entusiasmo espertado polo seu último traballo, Film: Socialisme (2010), estreado en España, permite organizar un seminario en torno a este filme e a propia evolución do autor nos últimos anos. O seminario “Quen teme a Jean Luc Godard?” terá lugar na tarde do venres 29 de abril coa coordinación de Ángel Quintana e a intervención dun lendario estudoso da obra de Godard, o francés Alain Bergala –aproveitamos para proxectar o documental que realizou sobre Víctor Erice-, Gonzalo de Lucas e o propio Quintana.

 

A matrícula é libre, a inscrición gratuíta (contacto a través do correo electrónico info@cgai.org con prazas limitadas.  

 

 “Jean Luc Godard é unha figura que incomoda. A pesar de que as conquistas levadas a cabo pola modernidade cinematográfica que estalou coa Nouvelle Vague son un eco afastado, o seu modelo de cine molesta e xera certos debates. A controversia Godard vén determinada pola súa capacidade visionaria, por ser un dos poucos autores que despois de cincuenta anos de actividade conseguiu manterse sempre na vangarda e cuestionar en solitario o cine desde as súas raíces. Godard atenta contra o relato, contra as formas canónicas de representación, contra os sistemas de produción e contra as formas de difusión da imaxe, mentres abre un camiño cara a un incerto futuro. Se cremos que non é preciso temer a Jean-Luc Godard é porque xunto co creador existe tamén un gran pensador do cine que foi capaz de situar a imaxe no epicentro da súa contemporaneidade achégandoa ás conquistas da arte, da política. É preciso repensar a Godard, porque a súa obra encerra algunhas das claves básicas para entender que é o cine hoxe e cara a onde se proxecta”.

Ángel Quintana

 

17.00 h.-17.45 h. Alain Bergala. Por que non hai ninguén como Jean-Luc Godard?

 

17.45 h.-18.30 h. Gonzalo de Lucas. O pensamento Godard

 

18.30 h.-18.45 h. Pausa

 

18.45 h.-19.30 h. Ángel Quintana. Godard e o museo imaxinario

 

19.30 h.-20.15 h. Debate con Alain Bergala, Gonzalo de Lucas e Ángel Quintana

 

MARTES 26 DE ABRIL (18.00 horas)

JLG/JLG. AUTOPORTRAIT DE DÉCEMBRE / JLG/JLG

(Francia, 1995)

Dirección e guión: Jean-Luc Godard. Produción: Joseph Strub. Fotografía: Yves Pouliquen, Christian Jacquenod. Intérpretes: Jean-Luc Godard, André S. Labarthe. Duración: 62 min.

Autorretrato do cineasta na súa casa de Rolle, xunto a un lago, no que podería ser un diario dun cineasta mentres traballa. Os fantasmas do seu pasado biográfico e cinematográfico fan acto de presenza.

 

MARTES 26 DE ABRIL (20.45 horas)

ÉLOGE DE L’AMOUR / ELOGIO DEL AMOR

(Francia-Suíza, 2001)

Dirección e guión: Jean-Luc Godard. Produción: Avventura Film, Les Films Alain Sarde, Peripheria, Canal Plus, Arte France, Vega Film, TSR, ECM Records, Studio Canal, DFI e Studio Images 6. Fotografía: Julien Hirsch e Christophe Pollock. Intérpretes: Bruno Putzulu, Cecile Camp. Duración: 97  minutos.

O ensaio en construción que propón constantemente Godard comeza esta vez cun director de cine que busca unha rapaza para sacar adiante un proxecto. Un caleidoscopio de ideas e perspectivas presente en Cannes e Premio Especial do Xurado en Valladolid 2001.

 

MÉRCORES 27 DE ABRIL (18.00 horas), XOVES 28 DE ABRIL (18.00 horas) e VENRES 29 DE ABRIL (20.45 horas)  

FILM: SOCIALISME

(Francia-Suíza, 2010)

Dirección e guión: Jean-Luc Godard. Produción: Vega Film, TSR, Wild Bunch, Fonds Régio Films e organismos institucionais suízos. Fotografía: Fabrice Aragno e Paul Grivas. Intérpretes: Christian Sinniger, Catherine Tanvier, Patti Smith. Duración: 101 minutos.

Asistimos a un cruceiro polo Mediterráneo, cheo de conversas, idiomas e personaxes variados. Uns nenos convocan a seus pais ante o tribunal da súa infancia. Piden explicacións sobre a liberdade, a igualdade, a fraternidade. A visita a seis lugares representativos (Exipto, Palestina, Odessa, Grecia, Nápoles e Barcelona) envolve definitivamente esta sinfonía en tres movementos.    

 

MÉRCORES 27 DE ABRIL (20.45 horas)  

NOTRE MUSIQUE / NUESTRA MÚSICA

(Francia, 2004)

Dirección e guión: Jean-Luc Godard. Produción: Peripheria. Fotografía: Julien Hirsch, Jean-Christophe Beauvallet. Intérpretes: Sarah Adler, Nade Dieu, Rony Kramer, Georges Aguilar, Leticia Gutiérrez. Duración: 80 min.

Inferno: imaxes de guerra. Avións, tanques, barcos, explosións, disparos, execucións… Purgatorio: Saraxevo hoxe, martirizado como moitos outros países. Personaxes reais e imaxinarios. Paraíso: unha moza que vimos no purgatorio, autosacrificada, encontra a paz na auga, nunha praia vixiada por marines.

 

Aproveitando a presenza de Alain Bergala, tamén se proxectará o seu documental sobre Víctor Erice:

 

XOVES 28 DE ABRIL (20.45 horas)

VÍCTOR ERICE: PARÍS-MADRID, ALLERS-RETOURS

(Francia, 2010)

Dirección: Alain Bergala. Produción: Amip-Audiovisuel. Fotografía: Gerald Dumuor. Duración: 73 minutos.

Baixo a mirada de Alain Bergala, o director d’El espíritu de la colmena ou El sol del membrillo evoca o cine americano da súa infancia, a impresión causada polo neorrealismo, a aparición da Nouvelle Vague, a escritura sobre cine, os espazos da memoria como cinéfilo e cineasta. Parte da mítica serie Cineastes de notre temps, o discurso rigoroso e cheo de sensatez de Erice viaxa entre Madrid e París nunha sinxela e emotiva lección de cine, a que desprenden as súas palabras.     

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: