O Centro Galego de Artes da Imaxe (Durán Loriga 10 baixo, A Coruña) comeza mañá venres 7 de novembro (20.30 horas) o ciclo “O CINE PENSA A ARTE. ITINERARIOS POLOS PROCESOS CREATIVOS”, realizado en colaboración co CCCB de Barcelona, programa Xcèntric, coa proxección da sesión doble “Sopralluoghi in Palestina per Il Vangelo secondo Matteo” (1963-64) de Pier Paolo Pasolini e “Scénario du film Passion” (1982) de Jean-Luc Godard.
O ciclo se extende desde o día seguinte día 8 a todos os sábados do mes. Consultade horarios máis abaixo, xa que hai modificacións sobre as sesións habituais. A entrada a todas as sesións é gratuíta.
Unha proposta elaborada por Gonzalo de Lucas e Nuria Aidelman e dividida en 5 partes e nove sesións que se ofrece como un itinerario ou recorrido polo século XX a través do diálogo entre cine, arte e fotografía. Cada sesión é autónoma e ten a súa propia entidade.
“O cine proporcionou unha forma única e privilexiada de asistir e gardar memoria da arte en proceso: documentar os xestos do creador ou a intimidade do seu taller. Tamén, en ocasións, unha forma de ver como un artista (cineasta, pintor, fotógrafo) traballa as súas imaxes —busca, pensa, abandona, rectifica, superpón, contrasta— ou dialoga coas imaxes queridas doutros artistas.
Desde os anos 20, o cine, a fotografía e a arte non deixan de pensarse mutuamente, de reinventarse con achegas respectivas. Do mesmo xeito que o cine se reinventa cando busca e encontra formas de achegarse á arte (ensaios, diarios, retratos), tamén o fai cada vez que un artista se apropia del e o transforma. O ciclo propón cinco percorridos a través da intimidade dos procesos creativos: cineastas preparando filmes, rodando, ou filmando a outros artistas, pintores pintando ou filmando aos seus próximos, artistas cineastas, cineastas artistas e fotógrafos cineastas. Películas que superan as fronteiras ou as categorías que separan as artes, porque descobren os seus valores específicos e as súas materias creativas. Desvelando relacións entre as películas ou trazando unha pequena historia das formas, cada sesión propón un itinerario sobre como o cine pensa, se pensa, pensa coa arte.
“A arte ao mesmo tempo que a teoría da arte. A beleza ao mesmo tempo que o segredo da beleza. O cine ao mesmo tempo que a explicación do cine”. É o principio que Godard descubría en “Elena y los hombres” de Renoir pouco antes de empezar a facer películas, e que faría seu como ninguén: a súa incansable indagación do cine á arte, da arte ao cine, do cine ao cine, guía este ciclo”.
Gonzalo de Lucas e Nuria Aidelman, programadores do ciclo.
O FILME EN PROCESO I (día 7 de novembro)
O cine pensándose: esbozando e ensaiando as súas posibilidades. A invención poética, o rigor e a curiosidade teórica acompañan a Godard e Pasolini na súa busca doutros “modos de ver”: de forma moi particular, nas súas películas ensaísticas, nas que se interrogan sobre a creación e fan emerxer as materias do cine que as obras “acabadas” acostuman a ocultar. Un diálogo entre dous filmes en proceso que xiran ao redor de películas imaxinarias, divagan sobre a preparación da rodaxe ou a tarefa da montaxe e exploran as propias imaxes. Lonxe da concepción industrial das películas como obras finitas, fan o eloxio do cine como escritura aberta ás vacilacións e tentativas.
SOPRALLUOGHI IN PALESTINA PER «IL VANGELO SECONDO MATTEO»
(Italia, 1963-1964)
Dirección: Pier Paolo Pasolini. Duración: 52 minutos.
A modo de caderno de notas para “El evangelio según San Mateo”, Pasolini realizou este filme de viaxe: quería localizar paisaxes de Palestina, corpos e rostros, que revelasen un mundo arcaico e preindustrial. É a busca dun mundo desaparecido e de novas formas para filmar os textos bíblicos.
SCÉNARIO DU FILM «PASSION»
(Francia, 1982)
Dirección: Jean-Luc Godard. Duración: 54 minutos.
Na súa mesa de montaxe, Godard “toca” o cine: interpreta, pensa, moldea, investiga, busca os seus ritmos e a súa música, intenta reconstituír como as imaxes se forman e o cine vive.
O FILME EN PROCESO II (día 8 de novembro)
De como os cineastas traballan cos seus actores, exploran os rostros, voces, ritmos e cadencias. Se a historia do cine moderno é tamén a da transformación desa relación, ao seguila revélanse outras indagacións: a das novas formas de rodaxe, doutras distancias e ángulos, de novas concepcións do plano. Porque ao traballar cos seus actores, buscan —e atopan— a voz e ritmos do seu cine.
1ª parte (19.00 horas)
ESSAIS POUR UNE PARTIE DE CAMPAGNE
(Francia, 1936)
Dirección: Jean Renoir. Duración: 14 minutos.
Dous días antes de empezar a rodaxe d´Une partie de campagne, Renoir ensaia como filmar o rostro de Sylvia Bataille: a filmación dunha sedución e unha procura do bo ángulo desde o que retratar á actriz. A montaxe é obra de Claudine Kauffmann en 1994.
LE PARTI DES CHOSES: BARDOT/GODARD
(Francia, 1963)
Dirección: Jacques Rozier. Duración: 9 minutos.
En Capri, durante a rodaxe de “Le Mépris / El desprecio” (1963), Jacques Rozier filma a Godard filmando a Brigitte Bardot: un fermoso documento sobre as novas relacións que no cine moderno se establecen entre un cineasta e a súa actriz.
ROMANFRAGMENT “AMERIKA”
(República Federal de Alemaña, 1983)
Dirección: Harun Farocki. Duración: 26 minutos.
Ou ben poderiámola chamar “Jean-Marie Straub e Danièle Huillet traballando nunha película baseada en “Amerika” de Franz Kafka”. Farocki filma un autorretrato e unha homenaxe ao seu antigo profesor de cine, Jean-Marie Straub. Mentres ensaia o seu papel na película que Straub/Huillet rodan a partir de “Amerika” de Franz Kafka, elabora unha crónica do traballo meticuloso dos cineastas cos actores.
2ª parte (20.30 horas)
LES ANNÉES 80
(Bélxica-Francia, 1983)
Dirección: Chantal Akerman. Duración: 79 minutos.
Chantal Akerman prepara un filme: traballa cos actores (entre eles Aurore Clement), compón as coreografías e rima as cores, ensaia os planos, dirixe a interpretación musical, canta. Non é unha película preparatoria de Golden Eighties, senón unha película sobre o cine facéndose, un documental sobre o traballo e unha ficción sobre o amor.
DA FOTOGRAFÍA (día 15 de novembro):
O cine atopa na fotografía un espazo de diálogo, estímulo e ensaio sobre as súas posibilidades. Cine e fotografía trazan unha experiencia común, a do artista e as imaxes, pero deben contemplarse mutuamente e á vez como procesos diversos para recoñecer as súas potencialidades: a invención do tempo, o traballo da duración, a forma de articular en imaxes (e sons) o pensamento.
19.00 horas:
INTERMITTENCES NON REGULÉES
(Francia, 1978)
Director: Etienne-Jules Marey e Jean-Michel Bouhours. Duración: 14 minutos.
A descomposición e a ilusión do movemento a través das imaxes fixas non son tanto unha forma “pre-cinematográfica” como unha forma de renovar o cine ou de redescubrilo nos traxectos que non desenvolveu.
WAVELENGTH
(Canadá, 1966-1967)
Dirección: Michael Snow. Duración: 45 minutos.
Un filme que nos leva aos límites e extremos da imaxe (o encadramento, a duración, o real e a ficción, os desexos e enigmas, o tempo contido e desbordado). En palabras do seu autor: “quería expresar o meu sistema nervioso, as miñas dúbidas relixiosas e as miñas ideas estéticas”.
20.30 horas:
CONVERSATIONS IN VERMONT
(Estados Unidos, 1969)
Dirección: Robert Frank. Duración: 26 minutos.
“Os filmes que fixen son mapas da miña viaxe por esta… vida. Comézase cun bloque de esbozos-tomas. Non hai guión, só intuición. Realizando películas continúo observando ao meu redor, pero xa non son o observador solitario que se desvía xusto despois do clic do obturador. Non hai un instante decisivo! Hai que crealo”. (Robert Frank).
SIX FOIS DEUX / SUR ET SOUS LA COMMUNICATION
(Francia, 1977)
Dirección: Jean-Luc Godard e Anne-Marie Miéville. Duración: 46 minutos.
De como as imaxes (detidas ou en fugaz ilusión de movemento) fabrican ideas e ideoloxías. Godard e Miéville proseguen o seu labor científico sobre a interpretación e a análise do visual.
DA PINTURA: O TALLER DO ARTISTA (sábado 22 de novembro)
O cine como forma privilexiada para descubrir e preservar a memoria dos xestos do pintor. Con películas sobre Joan Miró, Antoni Tàpies, Henri Matisse, Jackson Pollock, Francis Bacon e filmes realizados por André Delvaux, Stan Brakhage, Godard e Anne-Marie Miéville.
1ª parte (19.00 horas)
HENRI MATISSE
(Francia, 1946)
Dirección: François Campaux. Duración: 10 minutos.
En 1946, oito anos antes da súa morte, Matisse retrata ao seu neto e a unha modelo: certezas e vacilacións do trazo, a obra en proceso de realización.
MIRÓ 73. TOILES BRULEES
(España, 1973)
Dirección: Francesc Català-Roca. Duración: 19 minutos.
O fotógrafo Francesc Català-Roca realizou varias pezas en cor sobre Miró no taller. Nesta asistimos ao enigmático proceso de creación e destrución das “teas queimadas”.
FRANCIS BACON, PEINTRE ANGLAIS
(Suíza, 1971)
Dirección: Pierre Koralnik. Duración: 21 minutos.
Na intimidade do seu taller e con elocuencia etílica, Bacon reflexiona sobre a beleza masculina e os pintores admirados. A cámara, desde moi cerca, segue os constantes vaivéns do seu corpo e o seu discurso nun documento arrepiante.
ANTONI TÀPIES
(España, 1997)
Dirección: Andrés Hispano. Duración: 3 minutos.
Un rostro, un perfil, unhas mans, xunto á súa obra. Tàpies non pinta, senón que o filme -en granulado súper-8 branco e negro- traza o seu retrato.
JACKSON POLLOCK
(Estados Unidos, 1951)
Dirección: Hans Namuth e Paul Falkenberg. Duración: 10 minutos.
En exterior e interior, Pollock pinta, “dripping”. Pintura, cor, campo, mans, e o corpo suspendido do artista en acción. A pintura faise ao mesmo tempo que a película.
HAND-PAINTED FILMS
(Estados Unidos, 1986-1994)
Dirección: Stan Brakhage. Duración: 9 minutos.
Nos últimos anos da súa vida, Stan Brakhage emprendeu unha fascinante serie de filmes nos que pinta sobre a película, e fai latexar (plástica, cromática, ritmicamente) as materias do cine coas figuras e formas que traza a man. Inclúe os traballos “Night music” (1986), “Three Homerics (For Barbara Feldman)” (1993), “Stellar” (1993) e “Naughts” (1994).
2ª parte (21.00 horas):
MET DIERIC BOUTS
(Bélxica, 1975)
Dirección: André Delvaux. Duración: 30 minutos.
Ao encargo de retratar ao pintor do século XV, Delvaux responde trazando unha liña paralela entre o seu encargo e o de “La última cena”, entre o traballo do cineasta –nos planos e na montaxe- e o do pintor. Unha reflexión sobre os procesos (financeiros e artísticos) que subxacen na creación artística.
THE OLD PLACE
(Francia-Estados Unidos,1998)
Dirección: Jean-Luc Godard e Anne-Marie Miéville. Duración: 48 minutos.
Nun diálogo a dous, Godard e Miéville comparten unha emocionada elexía sobre as derrotas e potencias da arte do século XX. Un canto ao que resiste e aos que resisten.
HOME MOVIES: (AUTO)RETRATOS DE ARTISTAS (29 de novembro):
Filmes de taller ao tempo que home movies. Retratos de René Magritte, Man Ray, Jean Cocteau, Andy Warhol e Jonas Mekas. De como os artistas se apropian do soporte cinematográfico para explorar a arte e retratar a súa intimidade (familiares e amigos); de como os cineastas, desposuídos de todo artificio ou maquinaria pesada, filmando sós, en intimidade co seu medio, retratan o seu mundo, filman como pintores e ensaian sobre a arte.
1ª parte (19.00 horas):
LA FIDELITÉ DES IMAGES
(Bélxica, 1946)
Dirección: René Magritte. Duración: 27 minutos.
Apaixonado polo cine mudo, Magritte comprou unha cámara 8 milímetros e realizou xunto a un grupo de amigos unha serie de pequenos filmes en cor: enigmáticos, intrigantes, surrealistas, misteriosos; xogos de máscaras e referencias ás súas obras.
HOMES MOVIES
(Francia, 1935-1951)
Dirección: Man Ray. Duración: 15 minutos.
Composto polos traballos “L´atelier du Val de Grâce” (1935), “La Garoupe” (1937), “Ady” (1936-1937) e “Juliet” (1940-1951). Excepto “La Garoupe”, retrato de amigos (Picasso, Eluard, Lee Miller, Dora Maar) en cor, Man Ray mantivo inéditas as outras pezas: retratos ou esbozos de modelos e amantes. Fermosísimas películas “familiares” e lúcidas notas sobre a luz, as liñas, os corpos, a fotografía.
LA VILLA SANTO-SOSPIR
(Francia, 1952)
Dirección: Jean Cocteau. Duración: 36 minutos.
Despois das súas películas máis suntuosas e “profesionais”, Cocteau realizou, en 16mm cor, un ensaio sobre a creación, o cine e a pintura, ademais dos seus lugares. Ao igual que os muros da casa son testemuña do xesto de Cocteau pintor, o “film amateur” revela a tarefa do cineasta.
2ª parte (20.45 horas):
EPI BACKGROUND. ORIGINAL SALVADOR DALÍ
(Estados Unidos, 1966)
Dirección: Andy Warhol. Duración: 2 minutos.
En continuidade coas súas series de retratos fotográficos, entre 1964 e 1966 Warhol realizou os seus retratos filmados, probas de cámara de amigos e próximos. O retrato dunha xeración e dun artista en achegamentos a Salvador Dalí e Nico.
ANTHROPOLOGICAL SKETCHES, SCENES FROM THE LIFE OF ANDY WARHOL: «FRIENDSHIPS AND INTERSECTIONS»
(Estados Unidos, 1963-1990)
Dirección: Jonas Mekas. Duración: 37 minutos.
Esbozo dun retrato de amizade (con Andy Warhol). Do material rodado en tempo de vacacións (cos rapaces Kennedy e outros amigos), Mekas montou, trinta anos despois, un cántico da súa amizade con Warhol.