O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes día 19 de xuño (sesión David OReilly, 20.30 horas) un ciclo de animación contemporánea, “Nervio Óptico”, que se desenvolve durante toda a semana comisariado polo programador do certame arxentino BAFICI, o asturiano Fran Gayo. O propio Gayo presentará mañá e o mércores 20 de xuño as dúas primeiras sesións. Tamén está dispoñible para posibles entrevistas. A entrada a estes pases é de balde. NERVIO ÓPTICO:
“Circula pola rede unha tira cómica de contido revelador e que serve perfectamente para abrir este texto. Asinada por alguén so o pseudónimo Mologh, “Produtora agresiva” amosa unha executiva dunha compañía indefinida a ditar por teléfono as directrices que han marcar a realización do próximo tanque de animación 3D producido polo seu estudo. Ha ser un filme no que se investirán douscentos millóns de capital, sen personaxes, nin guión, nin director, nada de banda sonora nin dobradores, só o efecto máis realista que se poida conseguir, puro CG (é dicir, computer generated). O que nun principio podería parecer unha extravagancia a queimarroupa agocha en once viñetas un retrato bastante axustado dos efectos que o hipernaturalismo obsesivo ten sobre a animación e a súa evolución nestes últimos anos. Poderiamos dicir que co comezo do século e producións como Final Fantasy: The spirits within, Polar Express ou Beowulf ábrese unha veda do render desbocado, algo que se acentúa coa aparición do sistema motion capture, o detallismo chega a niveis de hipertrofia, procúrase unha realidade máis exacta que a realidade mesma; poros, pestanas e texturas de toda clase sen imperfección ningunha, movementos que reproducen con pormenor o aparato motor humano. Non resulta, logo, tan difícil de entender que cando nos enfrontamos con algúns dos traballos 3D máis celebrados de cada temporada nos custe discernir se estamos vendo unha curtametraxe, ou se o que se reproduce na nosa pantalla é un simulador de voo, o teaser dun novo xogo para a X Box 360 ou a beta dun software de aplicacións clínicas acabado de saír do forno.
Afortunadamente, do mesmo modo que non se detén a fuxida cara a adiante neste proceso, tampouco deixan de xurdir francotiradores que desmenten as tendencias e formulan desafíos de todo tipo, xa sexa recorrendo a maneiras artesanais como o stop motion, á pixilación ou á animación 2D máis tradicional, xa sexa forzando, ata violentando as ferramentas de última xeración, o software como medio para acadar unha deformidade fermosa, lograr outras formas narrativas e obter metáforas doutro xeito imposibles.
Os catro programas que amosaremos en Nervio Óptico ábrense sen condescendencias de ningunha clase ao espectador, mantéñeno acordado, alerta, poderán irritar, conmover ou desconcertar, pero en ningún caso caer no terreo da indiferenza ou xogar a baza do embeleco como quen adormece observando un protector de pantallas ultra-deseñado. Fronte ao anonimato no que se moven os enxeñeiros xenéticos do 3D nas súas capelas habituais de Siggraph, Pisaf ou as roldas de negocio de Annecy, aquí falamos de autores en primeira persoa, con nomes, apelidos e un mundo propio, artistas cuxos logros e enigmas van máis aló da circunscrición da animación. Poucas directoras en activo se referiron á sexualidade feminina coa franqueza sen disimulo de Baumane, poucos directores ofrecen un universo tan hipnótico, coherente e difícil de interpretar (e para que?) como Wada, poucos estudos de animación poden facer gala dun compromiso e unha liberdade creativa así como unha minuciosidade extrema no aspecto técnico como Nuku Film. E en canto a OReilly, resucitou o punk para todos nós, anarchy is his second name, a súa obra é a posta en cuestión sistemática de modelos narrativos, preceptos morais, do bo gusto por consenso ou a corrección política”.
Fran Gayo, comisario do ciclo.
Martes 19 de xuño (20.30 horas). Presentación do comisario do ciclo Fran Gayo. Entrada de balde.
Sesión DAVID O’REILLY
“Nado irlandés e residente en Berlín, con só 27 anos O’Reilly é xa un artista sobresaínte, un punto e aparte cunha asombrosa capacidade plástica para reconstruír e interpretar a realidade traballando co que nun universo gobernado por Pixar se considerarían “materiais de derrubo”: sons de 8 bits, pre-renders, animación a partir de ilustracións con paintbrush, vocoders, robots de voz, píxels hipertrofiados…
Os personaxes de O’Reilly, xa sexan fantásticos híbridos animais ou seres lixeiramente antropomórficos, arrastran unha esmagadora carga existencial; nacen, sofren, quedan sós, enferman e finalmente desaparecen sen deixar pegada. O programa que se mostra en “Nervio Óptico” recolle a práctica totalidade da súa obra, desde o principiante (e inédito) Animal ao célebre Octocat Adventures (animación episódica que circulou durante varios meses na rede baixo a falsa autoría dun neno de oito anos). Os escasos momentos de sosego na escolma proporciónanos as contemplativas Black Water e Floaters. E non podían faltar as súas dúas obras mestras, Please Say Something, melodrama sobre o fracaso amoroso nunha parella mixta gata/rato que reproduce case o tempo narrativo dunha atari, nin a máis recente The External World, pesadelo coral ambientado nunha distopía poboada de seres inauditos (un bebé/excremento abandonado pola nai, un asilo para anciáns marca Acme, unha sitcom slasher protagonizada por unha familia disfuncional).
Humanista terrible, ácrata, terrorista dun humor doloroso que o emparenta con ilustres como Luis Buñuel, Roy Andersson ou Dusan Makavejev, O’Reilly quere dinamitar a perfección aséptica á que a animación parece encamiñarse neste comezo de século; esa procura por detallar cada poro de pel, ese inmenso erro de pensar que chega con reproducir ata o mínimo movemento dun músculo facial para outorgar humanidade aos personaxes. A cambio, el reivindica amosar as costuras con orgullo, case como un xesto de rebelión; permitir que o software mesmo que xera as imaxes se infiltre na trama e chegue a provocar emocións” (Fran Gayo).
Curtametraxes (2002-2011): Animal (2002); WOFL 2106 (2006); RGB XYZ (2008); Octocat adventures (2008); ????? (2009); Please say something (2009); Floaters (2009); When you’re smiling (2009); Black Lake (en colaboración con Jon Klassen, 2010); The external world (2011); Crazy if I don’t go crazy tonight (vídeo U2, 2009); Bang (visuais para MIA, 2009); Story of Genky (2011).
Duración: 70 minutos.
Mércores 20 de xuño (20.30 horas). Presentación a cargo de Fran Gayo. Entrada de balde.
Sesión SIGNE BAUMANE
“Somerxerse nun mundo de relatos lúbrico-festivos como o de Signe Baumane serve para colmar múltiples necesidades. Por exemplo, para afogar a pena e entrar nunha sa catarse co resto de asistentes á rutineira proxección do momento. Por exemplo, para sentir reflectidas nas súas películas o sublime e o miserable das nosas desventuras eróticas. As curtametraxes de Baumane poden ademais levarnos da man a un lugar no que conviven unha concienciuda intención de narrar cunha imaxinería de forza absolutamente desbocada, excesiva, na que os gags se devoran entre eles e non existen límites morais para acadar a metáfora máis perfecta e divertida.
Pero, e isto non é ningunha parvada, Ms. Baumane e as súas películas animadas deberían servir para petrificar de arrepentimento e vergoña a aqueles que consideran que barbaridades liberais como Sex and the city representan o retrato máis sincero e explícito que se pode dar da sexualidade feminina. Fronte a ese tarambaina capitalista neoiorquino, Baumane, nada en Latvia, discípula de Bill Plympton por dous anos, alumna deslinguada que abandona o niño ofrécenos unha gozosa celebración da vida, toda ela regada con boas doses de fluídos corporais de toda clase, que parecen representar algo así como un elixir da eterna felicidade” (Fran Gayo).
Curtametraxes (1991-2009): The witch and the cow (1991); Tiny Shoes (1993); Love story (1998); Natasha (2001); Five Fucking Fables (2002); Dentist (2005); Veterinarian (2007); Teat beat of sex (2007); Birth (2009).
Duración: 80 minutos.
Xoves 21 de xuño (20.30 horas)
Sesión NUKU FILM
“Estonia, unha das tres Repúblicas Bálticas, un país con apenas dous millóns de habitantes, parece ser unha fonte inesgotable de mestres animadores. E, sen dúbida, un dos principais focos responsables deste fenómeno é Nuku Film, estudio creado na cidade de Tallin en 1957 e que produce durante estes 45 anos uns 200 traballos, con especial incidencia nun territorio tan complexo e laboriosamente artesanal como é a animación stop motion.
Nuku Film participa en Nervio Óptico cun programa que recolle tres títulos da súa máis recente colleita, obras que serven para estear a vocación autoral dunha produtora que, manexándose con igual solvencia en diferentes técnicas, amosa un virtuosismo extremo na modelaxe e animación de monicreques (Nukus en Estonio) así como na creación de ambientes alucinados que dialogan de ti a ti cos pesadelos de mestres como David Lynch, o Cronenberg de Inseparables ou Videodrome ou tamén Jan Svankmajer. A rexoubeira mediametraxe Sky song funciona como perfecto showreel das bondades deste estudio: un mundo ditado por un boneco moldeado a imaxe e semellanza de Sigmund Freud, un laboratorio cheo de estraños híbridos entre animal e humano, un carteiro rebelde que ten como misión alcanzar a lúa. Aquí e acolá asoman cameos de Salvador Dalí, Jacques Tati e Alfred Hitchcock” (Fran Gayo).
Curtametraxes (2009-2011): Sky song (2010); Body memory (2011); Oranus (2009).
Duración: 72 minutos.
Venres 22 de xuño (20.30 horas)
Sesión ATSUSHI WADA
“Atsushi Wada é unha rara avis dentro do panorama actual da animación xaponesa. Ou, cando menos, dentro da percepción que desde Occidente temos desa fauna inabarcable que é o débuxo animado nipón, dominado pola sempre todopoderosa industria do anime.
A experiencia de visionar as súas curtametraxes pode resultarnos como o proceso de axexar un ritual estraño en que homes e bestas interactúan como pezas irreemprazables. Todo isto pode xerarnos unha certa perplexidade, pero convén non deixarse enganar, Wada recoñécese como un individuo social e cada xesto, cada movemento destes núcleos familiares constituídos por sabuxos, ovellas con faccións humanas, oficinistas en serie, porcos colosais e nenos con exceso de peso, ten un reflexo no círculo de acordos e desacordos que alicerzan o noso día a día.
Con algo de cautela poderiamos acumular algúns referentes a modo de aviso para navegantes: os achegamentos á infancia de Shuji Terayama, a animación de Koji Yamamura (outro OVNI complicado), as pinturas surrealistas de Tetsuya Ishida, poderiamos ata falar dunha extensión minimalista dos retratistas do mundo flotante, ou mesmo estirando moito o noso esforzo aceptar ecos de Yukio Mishima resoando aí dentro. Pero en caso ningún estariamos facendo plena xustiza a un mundo tan particular como o de Wada e as súas fábulas de trazo fino. Un mundo en que (e isto é clave) a inocencia non se rompe, culmina como tal, e isto é o que o fai particularmente inquietante. No programa que se inclúe en “Nervio Óptico” amosaremos algúns dos seus traballos de principiante (Gentle whisthe, bird, and stone), as curtametraxes que fixeron del unha revelación inescusable (In a pig’s eye ou The mechanism of spring) para pechar con The great rabbit, premiado na última Berlinale” (Fran Gayo).
Curtametraxes (2003-2011): Yellow (2003); A clerk in charge (2004); Day of nose (2005); Gentle whistle, bird and stone (2005); Well, that’s glasses (2007); In a pig’s eye (2010); The mechanism of spring (2010); The Big Rabbit (2012).
Duración: 60 minutos.