CICLO ADICADO A KAZUO HARA NO CGAI

21 / 06 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza hoxe martes 21 de xuño coa proxección de SAYONARA CP (1972) o ciclo dedicado ao documentalista xaponés Kazuo Hara.

VIDAS EXTREMAS: AS PELÍCULAS DE KAZUO HARA:
Autor de só catro películas realizadas desde o ano 1972, o cineasta xaponés Kazuo Hara é un dos grandes nomes da historia do documental contemporáneo. A súa obra dá visibilidade a suxeitos incómodos que perturban profundamente á sociedade do seu país: extremistas políticos, enfermos do corpo e do espírito, amantes libertarios que desvelan os seus conflitos ante a cámara, persoas ou “personaxes” extremas que se expoñen ante unha cámara que non deixa de oscilar entre a empatía e o rexeitamento. Unha vez derribada a privacidade, o “escándalo” mudará de signo. E o acceso ao prohibido ou ao marxinal transformarase en xesto político. Kazuo Hara traballa coa súa produtora e parella, Sachiko Kobayashi, nunha serie de pezas que “cambiaron os límites do que podía ser filmado”, uns títulos que o propio cineasta define como “películas de acción”. Unha delas, a estarrecedora The Emperor’s Naked Army Marches On (Camiña, exército espido do emperador, 1987), foi considerada por Susan Sontag como “o documental de documentais”.

Martes 21 de xuño (18.00 e 20.45 horas)
SAYONARA CP / GOODBYE CP   
(Xapón, 1972)
Dirección, fotografía e produción: Kazuo Hara. Duración: 82 minutos.
Nunha rúa de Yokohama, Yokota Hiroshi, poeta con parálise cerebral, amosa orgulloso o seu corpo espido, un xesto que Hara enfatiza: “Resulta difícil mirar o corpo da xente discapacitada, así que iso é o que quería amosar”. Hara dalles voz e os libera do rol de víctimas. Eliminando calquera pisada de empatía simplista forza ao espectador a examinar os seus medos.

Mércores 22 de xuño (18.00 e 20.45 horas)
GOKUSHITEKI EROSU: RENKA 1974 / EXTREME PRIVATE EROS: LOVE SONG   

(Xapón, 1974)
Dirección e fotografía: Kazuo Hara. Produción: Shisso Production. Duración: 98 minutos.
Rodada durante varios anos, Kazuo Hara segue os pasos da súa ex-muller, a activista feminista Miyuki Takeda, coa que conviviu tres anos e coa que tivo unha filla. Formulada como un achegamento radical á intimidade da protagonista, Hara trata cuestións como o desamor, o sexo, as inseguridades humanas e as políticas de xénero. Inesquecible estudo da ideoloxía, filosofía e política xaponesas nun periodo marcado polas turbulentas relacións de posguerra con Estados Unidos.

Martes 28 de xuño (18.00 e 20.45 horas)
YUKI YUKITE SHINGUN / THE EMPEROR’S NAKED ARMY MARCHES ON     
(Xapón, 1987)
Dirección, guión e fotografía: Kazuo Hara. Produción: Shisso Production, Imamura Productions e Zanzou-sha. Duración: 122 minutos.
Documental rodado durante cinco anos, ten como protagonista a Okuzaku Kenzo, un home de 62 anos, supervivinte da campaña de Nova Guinea da Segunda Guerra Mundial, famoso por atentar contra o Emperador acusándoo de cometer crimes de guerra. Cando Okuzaki emprende a investigación do asasinato de dous membros dun escuadrón a mans dos seus superiores, a súa procura, organizada mediante duros interrogatorios, vaise tornando cada vez máis violenta. Unha incisiva exploración dos conceptos de memoria e culpa colectiva, temas moi ignorados no Xapón moderno.

Mércores 29 de xuño (20.00 horas)
ZENSHIN SHOSETSUKA / A DEDICATED LIFE
   
(Xapón, 1994)
Dirección, guión e fotografía: Kazuo Hara. Produción: Shisso Production. Duración: 157 minutos.
Retrato íntimo do literato japonés Mitsuharu Inoue, éste documental relata a súa loita contra un cancro de fígado. Nado en 1926, Inoue foi membro do Partido Comunista e o seu libro Chi no Mure nomeado ao galardón máis importante do país. Na intimidade, o escritor revélase como un ser contraditorio e complexo: por unha parte, admirado por alumnos e colegas; por outra, con ínfulas de conquistador empedernido e un mentiroso desvergoñado.

Categoría: Noticias
Etiquetas: