“CHECKPOINT ROCK: CANCIONES DESDE PALESTINA” INAUGURA AS PROXECCIÓNS DA RÚA XERUSALÉN

10 / 08 / 2010

Mañá mércores 11 de agosto ás 22.00 horas comezan as proxeccións que organiza na Rúa Xerusalén o Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal con motivo do Festival dos Abrazos. Baixo o título Palestina Sempre Presente, o Festival presentará unha selección de películas que formaron parte da programación de edicións anteriores e que teñen a Palestina como nexo común.

O documental Checkpoint rock: canciones desde Palestina, dirixido por Fermín Muguruza e Javier Corcuera será o encargado de inaugurar o ciclo. O documental, que se puido ver na pasada edición de Amal, está producido por Filmanova e K2000 e presenta un percorrido que pretende cambiar a visión que se ten deste pobo en conflicto, a través das cancións e testemuños de músicos palestinos.

Unha viaxe musical, de vila en vila e de checkpoint en checkpoint que lle descobre ao espectador a que soa Palestina, cales son os seus artistas máis representativos e como afrontan o destino que lles tocou vivir a través de letras e melodías.

A programación de Palestina Sempre Presente continuará con dúas sesións de curtametraxes: o mércores 18 Shwesh, shwesh (22 min) My palestine (20 min) e Make a wish (12 min) e o 25 de agosto Last Station (7 min), On the east side (23 min) e Lesh Sabreeen? (20 min).

As proxeccións serven como aperitivo do que será a Semana Oficial do Festival, que regresará a Compostela entre o 23 e o 30 de Outubro. Este ano, 45 películas formarán o programa da VIII edición de Amal. O listado de títulos pode consultarse na web www.amalfestival.com.

Categoría: Noticias
Etiquetas: