O CGAI PROXECTA MAÑÁ UNHA ESCOLMA DE TRABALLOS DE VIDEODANZA

25 / 05 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mañá sábado día 26 de maio (18.00 horas) unha escolma de traballos galegos dedicados á videodanza. Presentada polos seus autores e algúns dos protagonistas, tratamos de abranguer unha das modalidades audiovisuais máis singulares coas súas moitas variantes. A entrada é de balde. Sesión videodanza:

BLONDY’S COFFEE. AL LADO DEL CUERPO
(España, 2010)
Dirección e guión: Masako Hattori. Produción: Artestudio Xestión Cultural e Entremáns. Fotografía: Román Montesinos. Intérpretes: Kirenia Martínez, Beatriz Pérez. Duración: 15 minutos.
Dous corpos de mulleres a danzar, a súa creación de dueto procurando o seu lugar, o seu espírito, procurándose unha á outra, ao lado do outro corpo… as súas vivencias, os seus recordos que flúen, a través do movemento, vibrando as emocións, cada intre, sen forma, sen deixar pegada.  

DANZA NA TERRA     
(España, 2006)
Dirección e guión: José Manuel Vilaboy. Produción: José Manuel Vilaboy e Álvaro Liste. Fotografía: Xosé R. Garrido. Intérpretes: Ruth Balvís, David Loira. Duración: 16 minutos.
“Máis alá do videoclip, entre a ficción e a realidade, entre o documental e a vídeo-danza. Danza na terra ofrece unha nova perspectiva formal sobre a desaparición dunha forma de vida e o vínculo co lugar. Un ancián, o último habitante dunha aldea do Courel, ve como un verán un grupo de mozas e mozos enchen as rúas do lugar de esculturas e pinturas. Mentres o vello segue coa súa vida tranquila, eles teñen tempo de descubrir a natureza, visitar outros lugares, namorarse e, sobre todo, bailar» (José Manuel Vilaboy).  
 
OS TENTÁCULOS DOS ANXOS
(España, 2006)
Dirección: Xurxo Gómez-Chao. Guión: Bárbara Monteagudo. Produción: Fundación Luis Seoane. Fotografía: Nan Casal. Intérpretes: Bárbara Monteagudo. Duración: 17 minutos.
Como parte integrante dun proxecto multidisciplinar que tomaba como referencia a representación de polbos e anxos na obra de Luis Seoane, o artista plástico Xurxo Gómez-Chao elabora unha instalación. Bárbara Monteagudo coreografía e o resultado é unha peza musical que complementa a exposición.      

ARTEANDANDO
(España, 2005)
Dirección: Xurxo Gómez-Chao, Sergio Zearreta e Carlota Pérez. Produción: ExperimentaDanza e Xurxo Gómez-Chao. Duración: 12 minutos.
Obedecendo á vocación interdisciplinar do Museo de Belas Artes da Coruña, unha produción que integra a linguaxe corporal e as artes plásticas nun espazo delimitado como o do museo. Trátase dun espectáculo de danza contemporánea cunha estética e argumento relacionados coas obras do museo. Selección de pezas.  

Categoría: Noticias
Etiquetas: