O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mañá sábado día 6 de outubro (18.00 horas), dentro da sección OFF GALICIA, a produción de Amén Cinema La Brecha (2012), dirixida por Marcos Nine. Titulo que explora na linguaxe fílmica e mostra dun proceso creativo, participou na última edición de dous prestixiosos certames, o arxentino BAFICI e a Mostra de Cinema Periférico S8 (A Coruña). O acto contará coa presenza do propio director, que presentará a película e manterá un coloquio cos espectadores ao finalizar a proxección. A entrada é gratuíta.
LA BRECHA
(España, 2012)
Dirección e guión: Marcos Nine, coa colaboración nos textos e deseño de arte de Rodrigo Losada. Produción: Ximena Losada para Amén Cinema. Duración: 86 minutos.
O deseñador gráfico Rodrigo Losada e o cineasta Marcos Nine comparten unha inquietude. Despois de anos de experiencia en cadanseus traballos chegaron á frustrante conclusión de que, independentemente das diferencias temáticas ou formais dos distintos traballos que realizan, sempre son capaces de solucionalos cunha metodoloxía idéntica. Para fuxir desta mecánica destrutiva da creatividade, Rodrigo ideou o proxecto “La Brecha”; nel servíase de materiais sacados do lixo para crear pequenas composicións dentro do formato de filmina e que proxectadas deran vida a unha obra que inicialmente non fose controlada polo seu propio autor. Tras os resultados deste traballo Marcos Nine pretende levar ao cine ese mesmo proceso de traballo presentándonos un filme evolutivo do cal nin o deseñador nin o propio director teñan control. A idea é aplicar ao material filmado as técnicas de degradación que o deseñador gráfico aplicou ás súas obras seriadas de filminas para logo montar un filme de xeito aleatorio co fin de evitar todos os vicios adquiridos polos autores durante os seus anos de experiencia e poder retornar así á creatividade máis pura e inocente. “La Brecha” é un filme que cuestiona o concepto de obra de arte mentres pon de manifesto os mecanismos de autocensura e autocontrol dos creadores á hora de realizaren as súas obras. Filme presente no BAFICI 2012 e na Mostra de Cinema Periférico S8.