O CGAI PROXECTA ÉRASE UNA VEZ EN AMÉRICA DENTRO DO CICLO CINE E EMIGRACIÓN

4 / 12 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta, dentro do ciclo “Cine e Emigración”, mañá mércores 5 de de decembro (20.30 horas) e o venres 7 de decembro (18.00 horas) Érase una vez en América (1984) de Sergio Leone. Peza de culto que acaba de exhibir a súa versión completa e a restaurada nos certames de Cannes e Locarno, último filme da coherente traxectoria de Leone, pecha a ambiciosa triloxía “Once upon a time” -despois de Hasta que llegó su hora (1968) e ¡Agáchate, maldito! (1971)- cun retablo completo e memorable do século XX.  

C’ERA UNA VOLTA IN AMERICA / ONCE UPON A TIME IN AMERICA / ÉRASE UNA VEZ EN AMÉRICA     
(Estados Unidos-Italia, 1984)
Dirección: Sergio Leone. Guión: Leonardo Benvenuti, Piero di Bernardi, Enrico Medioli, Franco Arcalli, Franco Ferrini e Sergio Leone, sobre a narración de Harry Grey The Hoods (1953). Produción: Arnon Milchan para The Ladd Company. Fotografía: Tonino Delli Colli. Intérpretes: Robert de Niro, James Woods, Elizabeth McGovern. Duración: 229 minutos.  
A curta e estimulante filmografía de Sergio Leone (1929-1989) remata con este proxecto. En estado de xestación desde 1967 -logo de que pasaran polo proxecto xentes tan heteroxéneas como Norman Mailer, John Milius, Gérard Depardieu ou Jean Gabin- a rodaxe comezaría por fin en xuño de 1982. Fresco total do século XX, a historia dun grupo de rapaces de orixe hebrea que acaban por se tornar na época da lei seca nunha importante banda criminal. A banda sonora do maxistral Morricone, o sólido e conxuntado reparto (Tuesday Weld, Burt Young, Joe Pesci, Danny Aiello, Treat Williams, William Forsythe, Jennifer Connelly), o sentido épico e poético de Leone contribúen a recuperar este filme maxistral recibido no seu momento de xeito desigual.

Categoría: Noticias
Etiquetas: