Hoxe xoves, día 27 de setembro, o Centro Galego das Artes da Imaxe proxecta Necronomicon e La condesa Negra, de Jesús Franco, como parte do tributo que se lle rende a este director dentro do Festival Freakemacine.
Xoves día 27 de setembro (18.00 horas)
NECRONOMICON / SUCCUBUS
(Alemaña-España, 1967)
Dirección e guión: Jesús Franco. Produción: Aquila Films. Fotografía: Jorge Herrero e Franz Lederle. Intérpretes: Janine Reynaud, Jack Taylor, Howard Vernon. Duración: 81 minutos.
Lorna é unha stripper dun club nocturno que vive dentro dun soño sen distinguir realidade e ficción. As súas alucinacións sucédense nun mundo onírico de pracer e dor onde os asasinatos e o erotismo mestúranse vertixinosamente. O prolífico Jesús Franco inaugura unha veta de producións e rodaxes fóra de España –o que explica a liberdade coa que vai contar- que vai desenvolver en todo o seu cine posterior. Realizada en Lisboa e Berlín, Franco carga premeditadamente unha sucesión de elementos propios (violencia, erotismo, onirismo, enxeño, culto ao mito) que axita na súa persoal cocteleira. Entre as moitas curiosidades, o vestiario é froito da colaboración cun daquela descoñecido Karl Lagerfeld. Copia en versión inglesa xentileza de Filmoteca Española, de préstamo restrinxido e de laboriosa procura.
Xoves día 27 de setembro (20.30 horas)
LA CONDESA NEGRA / LA COMTESSE NOIRE / LES AVALEUSES
(Francia-Bélxica, 1973)
Dirección, guión e fotografía: Jesús Franco. Produción: Eurociné (Francia) e Les Films Marc (Bélxica). Intérpretes: Lina Romay, Jack Taylor. Duración: 86 minutos.
Os habitantes dunha illa viven aterrorizados polos crimes que alí se cometen. Sempre acontecen relacionados con mulleres novas que aparecen mortas e con estraños signos vampíricos trazados sobre o seu corpo. As sospeitas levan á figura da condesa Irina Karnstein. Un home, o doutor Roberts, investiga o caso, no que se atopan tamén implicados o escritor Rathony e o cego doutor Orloff. Logo da morte da súa musa Soledad Miranda e xa instalado en París, Jesús Franco vai introducir no seu cine a actriz barcelonesa Lina Romay (1954-2012), compañeira inseparable do director ata a súa morte en febreiro deste ano. Protagonista absoluta deste relato rastreador de mitos vampíricos, rodado na illa de Madeira e referenciado no guión de Quentin Tarantino de Abierto hasta el amanecer (1996) de Robert Rodríguez, Franco mestura esoterismo, parapsicoloxía, erotismo, mitos populares e unha amálgama de fontes literarias noutro dos seus títulos de culto.