O Centro Galego de Artes da Imaxe organiza un encontro con profesores de infantil e primaria o sábado 15 de outubro (10.00 horas) para profundizar nas posibilidades que o cine e a fotografía ofrecen para traballar nas aulas.
A formación será impartida por Núria Aidelman e Laia Colell da Asociación A Bao A Qu xunto con Carme Congost e Dolors Vilanova (mestras da Escola de Bordils). Pártese de que facer cine é filmar, fotografar, montar pero tamén é mirar, escoitar, imaxinar, pensar, escribir, relacionarse, compartir. Facer cine pode ser inventar unha historia mirando un cadro, observar a luz ou fotografar as cores do ámbito máis próximo. Por iso, daranse instrumentos prácticos e metodolóxicos para traballar o cine e a fotografía con alumnos de entre 3 e 10 anos, facendo especial fincapé na capacidade da creación audiovisual para artellar contidos transversais e moi especialmente, a expresión oral e escrita. A formación apoiarase en exemplos prácticos e nalgúns dos traballos elaborados na Escola de Bordils nos últimos 5 anos.
O día anterior, o venres 14 de outubro (18.00 horas), nun pase aberto a todo o público, proxectaráse Elogio de la escuela, sobre a Escola de Bordils. A película é unha oportunidade para ver o traballo por proxectos que desenvolven na escola, como aprenden e investigan os alumnos, como razoan, argumentan, reflexionan. Tamén é unha mostra privilexiada de como se poden vehicular transversalmente contidos de materias e disciplinas diversas a través do traballo coa fotografía e o cine. Por iso é un filme especialmente interesante para todos os mestres interesados en metodoloxías pedagóxicas innovadoras e na introdución da creación artística na escola.
Durante a proxección contaremos coa presenza de Carme Congost e Dolors Vilanova, as mestras que encabezan o proxecto na escola, e Núria Aidelman e Laia Colell, da asociación A Bao A Qu, que asesorou e acompañou o proceso de creación do filme.
Os profesores que queran acudir ao encontro do sábado 15 poden reservar praza no CGAI a través do correo electrónico info@cgai.org ou no teléfono 881 881 269 (Mónica García Iglesias).