O CGAI ESTREA MAÑÁ A CURTA BOSQUE, DE BORJA MUCIENTES

14 / 10 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe estrea mañá sábado día 15 de outubro (18.00 horas) a curtametraxe do realizador e fotógrafo Borja Mucientes Bosque (2011), autor de acentuada veta intimista e procura formal ao que o CGAI xa dedicara unha sesión. A curta próxectase xunto a Amor ansioso (2010) do tamén músico e colaborador de Mucientes Sergio Pena, establecendo un diálogo entre ambas pezas. Ambos autores estarán presentes. A entrada é gratuíta.

BOSQUE   
(España, 2011)
Dirección, guión e produción: Borja Mucientes. Fotografía: César Seijas. Intérpretes: Antonio López, María Fabeiro. Duración: 35 minutos.  
Un home camiña perdido polo deserto, ten pouco tempo antes de caer desfalecido na procura dunha saída. Unha muller está durmida dentro dun túnel, soa o móbil, espertase e comeza a camiñar. Dous personaxes diferentes cun mesmo punto en común: a procura.   

AMOR ANSIOSO   
(España, 2010)
Dirección e guión: Sergio Pena. Produción: Ana Diz. Fotografía: César Seijas. Intérpretes: Alejandro Carro, Belén Constenla, Xosé Manuel Olveira «Pico». Duración: 18 minutos.  
Unha historia de amor diferente, protagonizada por Iván, un mozo de familia acomodada afectado pola ansiedade, e Mari, unha rapaza que chega á oficina onde el traballa. Traxicomedia que representa o paso á dirección do compositor Sergio Pena.

Categoría: Noticias
Etiquetas: