O CGAI CONMEMORA O SEU 21º ANIVERSARIO COA PROXECCIÓN GRATUÍTA DE METRÓPOLIS

15 / 03 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) celebra hoxe xoves 15 de marzo (20.00 horas) o seu 21 aniversario coa proxección da copia restaurada de Metrópolis (1927) de Fritz Lang, que engade o valioso material atopado (máis de 20 minutos inéditos) en 2008 en Buenos Aires. A proxección ten acompañamento musical ao piano de Javier Pérez Castro. A entrada é de balde. METROPOLIS / METRÓPOLIS

(Alemaña, 1927)
Dirección: Fritz Lang. Guión: Fritz Lang e Thea von Harbou. Produción: UFA. Fotografía: Karl Freund e Günther Rittau. Intérpretes: Brigitte Helm, Alfred Abel. Duración: 146 min.
A película máis cara da UFA é unha parábola futurista que transcorre no ano 2026 onde os obreiros viven e traballan dez pisos baixo terra. Unha moza, María, ante a posibilidade de sublevación, tranquilízaos a falarlles dun futuro apracible e mellor. O amo da cidade, Fredersen, ordénalle ao científico Rotwang que cree un robot coas faccións de María, dada a súa influencia nos traballadores, para levalos a unha rebelión suicida. Lendaria superprodución a modo de visionaria coreografía de imaxes marcada pola precisión e as simetrías da arquitectura visual proposta por Lang. En 2008 o achado en Buenos Aires dunha copia orixinal en 16 milímetros con metraxe engadida (26 minutos inéditos e nada menos que a montaxe de escenas da estrea) supuxo un custoso traballo de restauración que deixou unha nova copia.
 

Categoría: Noticias
Etiquetas: