O CGAI COMEZA CUN CICLO ADICADO A ROBERT GUEDIGUIAN

10 / 10 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá xoves día 11 de outubro un ciclo dedicado ao cineasta francés Robert Guédiguian coa proxección de Marius y Jeannette (1997). Robert Guédiguian (Marsella, 1953) é autor de pezas de cinema político, un realismo social luminoso onde amosa as convulsións do mundo actual grazas a guións medidos e unha hábil mestura de cine de emocións, humor e denuncia coa música, a coralidade e a teatralidade como epicentros. O CGAI presenta unha escolma de sete dos seus filmes, incluíndo a recente Las nieves del Kilimanjaro (2011).   ROBERT GUÉDIGUIAN:

En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña.

Robert Guédiguian (Marsella, 1953) é un cineasta europeo empeñado –desde os primeiros anos 80- na coherente dignificación dun cinema político: relatos comprometidos, marcados tanto por certas constantes estilísticas como pola súa capacidade, vernices e implicacións sociopolíticas e históricas. Despois dunha traxectoria de éxito e ata popular, Guédiguian recibe Premios do cine europeo, o Louis Delluc ou o Lumiére, ten presenza en Cannes ou conta con galardóns, no caso español, en San Sebastián ou Valladolid. Tal e como indica Charles Tesson, xa en 1998, os seus protagonistas pelexan por “devolver ao mundo obreiro un orgullo cinematográfico, unha dignidade perdida, e reencontrar de paso os acentos auténticos dun cine popular sen populismo”.  
Cunha tropa de colaboradores fixa, a rica influencia do teatro, a hábil amálgama de comedia e melodrama con elementos sempre estilizados, os heroes proletarios de Guédiguian van adquirir predicamento especialmente a partir de Marius y Jeannette (1998), César á mellor actriz para a súa habitual e compañeira na vida real, Ariane Ascaride.                                                                                                                                                          
O CGAI presenta unha escolma de sete dos seus filmes, incluíndo a recente Las nieves del Kilimanjaro (2011).  

Xoves 11 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
MARIUS ET JEANNETTE / MARIUS Y JEANNETTE   
(Francia, 1997)
Dirección: Robert Guédiguian. Guión: Jean-Louis Milesi e Robert Guédiguian. Produción: Agat Films & Cie e La Sept Arte. Fotografía: Bernard Cavalié. Intérpretes: Ariane Ascaride, Gérard Meylan. Duración: 102 minutos.  
Marsella. Barrios do norte. Marius é vixiante nas obras de demolición dunha vella fábrica de cemento. Jeannette enfróntase a el cando se dispón a roubar dous botes de pintura para a humilde casa onde vive cos seus dous fillos. Caixeira nun supermercado, acaba de perder o seu emprego. Marius vai pola súa casa ao día seguinte a levarlle a pintura. Jeannette acepta se lle axuda a pintar a casa. Premio na sección Un Certain Regard de Cannes 1997, César á mellor actriz para Ariane Ascaride nun filme inicialmente previsto para a televisión e de inmediato éxito crítico e popular, que contén a brechtiana e elaborada estrutura dramática propia do seu autor no reflexo do cotián, así como o seu habitual emprego dunha banda sonora musical clásica, aquí Vivaldi ou Richard Strauss.  

Martes 16 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
A L’ATTAQUE / ¡AL ATAQUE!   
(Francia, 2000)
Dirección: Robert Guédiguian. Guión: Jean-Louis Milesi e Robert Guédiguian. Produción: Agat Films & Cie. Fotografía: Bernard Cavalié. Intérpretes: Jacques Pieiller, Denis Podalydes, Ariane Ascaride. Duración: 90 minutos.  
Xavier e Yvan, dous guionistas de caracteres antagónicos, fan a aposta de escribir un filme político de actualidade. As dificultades son enormes e as trampas abundan aínda que recorren a todo: teatro de guiñol, un curso de ciencias económicas, un cadro de Braque, indios, unha comedia musical que sucede nun bordel. Toma forma un relato sobre unha familia humilde cun pequeno negocio de reparación de coches ao tempo que as disputas entre Xavier e Yvan se mesturan coa ficción creada. O particular Vidas cruzadas de Guédiguian aparece como unha narración estilizada e imaxinativa pola que transpiran as preocupacións sociopolíticas esenciais do seu autor.    

Mércores 17 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
LA VILLE EST TRANQUILE / LA CIUDAD ESTÁ TRANQUILA   
(Francia, 2000)
Dirección: Robert Guédiguian. Guión: Jean-Louis Milesi e Robert Guédiguian. Produción: Agat Films & Cie. Fotografía: Bernard Cavalié. Intérpretes: Ariane Ascaride, Pierre Banderet. Duración: 133 minutos.  
Premio FIPRESCI ao mellor filme europeo e Espiga de Ouro en Valladolid, en que Araine Ascaride acada o galardón á interpretación feminina, rodada consecutivamente logo de ¡Al ataque!, dous guións que curiosamente avanzaron ao unísono, Guédiguian narra un relato colectivo. É a historia de Michèle, traballadora nunha lonxa que vive coa premisa de tentar salvar a súa filla da droga. A de Abderramán, transformado polo cárcere, que quere axudar a xente do seu entorno. E a de tantos outros habitantes de Marsella que poboan este filme coral.         

Xoves 18 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
MARIE-JO ET SES DEUX AMOURS / MARIE-JO Y SUS DOS AMORES    
(Francia, 2002)
Dirección: Robert Guédiguian. Guión: Jean-Louis Milesi e Robert Guédiguian. Produción: Agat Films & Cie. Fotografía: Renato Berta. Intérpretes: Ariane Ascaride, Jean-Pierre Darroussin. Duración: 124 minutos.  
No camiño dos contrabandistas, durante unha comida campestre, Marie-Jo apoia o fío dunha folla de coitelo sobre o seu pulso. Ama o seu home, Daniel, e a Marco, o seu amante. Durante un tempo marchou con Marco e Daniel agardou con dor intensa e sen violencia ningunha. Parecen dous amores imposibles. Un Guédiguian máis íntimo consegue participar con este filme cheo de intensidade nas seccións oficiais de Cannes e Valladolid.  

Venres 19 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
MON PÈRE EST INGÉNIEUR / MI PADRE ES INGENIERO   
(Francia, 2004)
Dirección: Robert Guédiguian. Guión: Jean-Louis Milesi e Robert Guédiguian. Produción: Agat Films & Cie. Fotografía: Renato Berta. Intérpretes: Ariane Ascaride, Jean-Pierre Darroussin. Duración: 108 minutos.  
Natacha e Jérémie medraron xuntos. Amantes inseparables, estudaron xuntos Medicina, mais un día as traxectorias diverxeron. Jérémie converteuse nun tipo importante, que viaxaba e se relacionaba con ministros. Natacha seguiu exercendo a Medicina no seu barrio e vive na casa de seus pais. Jérémie volta e lembra un curso de ruso que fixeran con catorce anos e as dificultades súas para pronunciar ben unha frase: “O meu pai é enxeñeiro”. Mais Natacha está enferma. Sección oficial en San Sebastián.

Martes 23 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
LADY JANE    
(Francia, 2008)
Dirección: Robert Guédiguian. Guión: Jean-Louis Milesi e Robert Guédiguian. Produción: Agat Films & Cie. Fotografía: Pierre Milon. Intérpretes: Ariane Ascaride, Jean-Pierre Darroussin. Duración: 104 minutos.  
O reencontro de tres amigos dedicados antigamente a roubar abrigos de pel convertidos en agasallo para os obreiros do seu barrio. O motivo do reencontro vai ser o secuestro do fillo da integrante feminina deste trío. Guédiguian achégase ao cinema negro nun filme participante na Berlinale.  

Mércores 24 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
LES NEIGES DU KILIMANDJARO / LAS NIEVES DEL KILIMANJARO   
(Francia, 2011)
Dirección: Robert Guédiguian. Guión: Jean-Louis Milesi e Robert Guédiguian, sobre un poema de Víctor Hugo. Produción: Agat Films & Cie. Fotografía: Pierre Milon. Intérpretes: Ariane Ascaride, Jean-Pierre Darroussin. Duración: 107 minutos.  
Michel vive feliz con Marie-Claire malia a perda do seu traballo. Levan trinta anos xuntos e están afeitos a traballar con afán nos conflitos sindicais, na militancia política. Unha inesperada agresión permítelles seguir albiscando a necesidade da solidariedade colectiva e as novas formas de represión, necesidade e loita no século XXI. Presente en Cannes 2011, sección Un Certain Regard, e premio Espiga de Plata en Valladolid.

Categoría: Noticias
Etiquetas: