O CENTRO GALEGO DE ARTES DA IMAXE PROXECTA CARLOS, DE OLIVIER ASSAYAS

10 / 10 / 2011

O CGAI proxecta mañá martes 11 de outubro (pase único: 20.00 horas) dentro da sección de estreas FÓRA DE SERIE a película de Olivier Assayas CARLOS (2010), unha disección da loita armada nos anos 70 e 80 do século pasado e aproximación á célebre figura do combatente venezolano pola causa palestina Ilich Ramírez Sánchez, alias Carlos.

CARLOS    

(Francia-Alemaña, 2010)
Dirección: Olivier Assayas. Guión: Dan Franck, Daniel Leconte e Olivier Assayas. Produción: Films en Stock, Egoli Tossell Film, coa participación de Canal+ e Arte France. Fotografía: Denis Lenoir e Yorick Le Saux. Intérpretes: Édgar Ramírez, Alexander Scheer. Duración: 168 minutos.  
Biopic transnacional realizado con importantes medios que comeza con estrutura de miniserie (e cinco horas e media de duración) para depurarse na súa comercialización en salas nesta longametraxe. Análise behaviorista dos conflitos políticos da década dos 70 (e 80) -e as súas consecuencias ata hoxe- a través da figura icónica de Ilich Ramírez Sánchez, alias Carlos, o célebre combatente venezolano pola causa palestina, Assayas percorre una época, a da guerra fría, con moitas derivas e inflexións. Rodada en oito idiomas, gañadora de Globos de Ouro, contén unha magnífica caracterización de Edgar Ramírez no papel protagonista e unha elaborada banda sonora.
 

Categoría: Noticias
Etiquetas: