CARLOS SEIJO COMEZA EN RIBADEO A GRAVACIÓN DA SÚA NOVA CURTAMETRAXE, «PODE SER»

29 / 07 / 2008

A curta, protagonizada por Camila Bossa e Toñito de Poi, está producida por Mr. Misto Films e pasarase no Acto de Clausura do IV Festival Creativo de Curtas On&Off, que comeza hoxe en Ribadeo. A rodaxe comezou o pasado domingo en localizacións ribadenses, e prolongarase ata o vindeiro mércores.

Carlos Seijo comezou o pasado domingo en Ribadeo a rodaxe do seu último traballo, unha curtametraxe titulada Pode ser. O director gravará ata o vindeiro mércores en localizacións ribadenses e presentará a súa obra esta mesma semana.

A curtametraxe, unha historia de amor protagonizada polos actores Camila Bossa e Toñito de Poi, está producida por Mr. Misto Films e será proxectada o sábado 2 de agosto no marco do Acto de Clausura do IV Festival Creativo de Curtas On&Off, que comeza hoxe en Ribadeo.

O gañador da sección A Toda Mecha do III Festival Creativo de Curtas On&Off con Sen escrúpulos afronta este novo reto logo de tres curtametraxes (Élévation, de 2006, a propia Sen escrúpulos, de 2007 e Duérmete Lobo, do ano 2008) e outros traballos artísticos de videocreación (Cordero Místico, 2007) ou videoarte.

Seijo, Licenciado en Belas Artes, é guionista, director e compositor musical das súas obras audiovisuais, e complementa os seus traballos no eido da imaxe cinematográfica con outros traballos como ilustracións e montaxes artísticas que enriquecen en boa medida unhas obras xa poéticas en si mesmas.

Todas aquelas persoas que se acheguen o sábado ata o Cantón dos Moreno de Ribadeo poderán disfrutar da particular visión do mundo que lles ofrecerá Carlos Seijo no seu esperado último traballo.

Categoría: Noticias
Etiquetas: