CAPÍTULOS DE ESTREA DE PADRE CASARES, O PRÓXIMO MARTES

3 / 10 / 2014

O pasado 20 de abril, a Televisión de Galicia emitía o capítulo 209 da serie «Padre Casares, último da etapa número 14 da serie en emisión máis lonxeva da canle autonómica. A serie volve á TVG esta semana, coa estrea dos capítulos correspondentes á súa tempada número quince. Coa nova tempada, Padre Casares volve á súa esencia máis pura. No último capítulo da tempada 14 asistimos á despedida de don Rodrigo. No seu adeus contaba coa inestimable axuda e consello do agora bispo Horacio Casares; a sorpresa dos seus compañeiros de traballo, don Crisanto e don Perfecto, e a retranca e sospeitas do resto de veciños da súa parroquia.

Agora que pasou o tempo, parece que algo está a cambiar en Louredo… Especialmente para Delmiro que, se ben nunca demostrou ser un exemplo de estabilidade mental, agora parece ter perdido a cabeza para sempre. E é que un accidente, facendo das súas, provocará no primeiro edil un cambio radical e sorprendente. Unha situación que promete facer rir, e moito, ao público de TVG; sufrir a algún que outra personaxe e divertirse moito ao resto, por suposto, a custa do seu alcalde.

O milagre de santo Antonio de Louredo

Era o 16 de xuño do 2008 cando a serie Padre Casares se despedía da grella da TVG, tras a emisión das dúas primeiras tempadas, como a serie de máis audiencia da Televisión de Galicia, e o programa con máis espectadores do prime estafe nocturno da canle autonómica. Ademais, a produción de Voz Audiovisual marcaba un fito na historia da televisión en España, ao ser a única proposta capaz de vencer no seu territorio o invencible C.S.I. (Tele 5). A Gaceta dos Negocios titulaba: «O Padre Casares desbanca a Grissom«, e cualificaba de «auténtico tesouro» á produción galega.

Coa emisión da tempada 3, en poucas semanas Padre Casares pasaba de ser a serie máis vista da Televisión de Galicia, a ser a serie máis vista en toda Galicia, por diante de todas as emitidas polas canles nacionais, españolas e estranxeiras. O último capítulo da terceira tempada marcaba un 32,4% de share, e o ano 2009 estreábase cun récord do 36,4%.

A serie foi, en todas as súas tempadas, o maior éxito de ficción (non sketches) da Televisión de Galicia e recibiu dous premios Mestre Mateo, á Mellor Serie e á Mellor Realización.

Pero a serie triunfou ademais fóra das nosas fronteiras, ao recibir o premio da ATV á Mellor Ficción Autonómica; o premio Bravo da Conferencia Episcopal Española, polo fomento dos valores humanos; e catro nominacións aos Premios Ninfa de Ouro do Festival de Televisión de Montecarlo, o máis importante do mundo.

Ademais, Padre Casares contou cunha versión andaluza, Padre Medina; e outra balear, Mossèn Capella; ambas as dúas coproduciones de Voz Audiovisual, produtora da versión orixinal. A serie foi emitida tamén, dobrada ao castelán, por Telemadrid e Castela La Mancha Televisión.

E tras todos estes anos Padre Casares segue sen defraudar. O pasado mes de abril, pechaba a emisión da súa tempada 14 cun incremento dun 35% de espectadores.

Chegou o momento. Tras seis meses de reposicións, Televisión de Galicia estreará, o próximo martes e en horario nocturno de máxima audiencia, os novos episodios de Padre Casares.

Más información da serie en: www.padrecasares.com

Etiquetas: