CAIXAGALICIA RENOVA A SÚA COLABORACIÓN CO CLAG PARA DINAMIZAR A INDUSTRIA AUDIOVISUAL GALEGA

28 / 04 / 2008

O pitching ‘I+P, ideas para producir’, convocado anualmente polo Clúster Audiovisual Galego (Clag), en colaboración coa Obra Social de Caixa Galicia, chega a súa IV edición, que terá lugar en A Coruña o vindeiro 8 de maio, consolidándose como unha xornada anual de exposición de obras audiovisuais ante potenciais compradores a nivel nacional e europeo que dende o ano 2005 supuxo a presentación de 59 proxectos e cinco estreas de éxito.
Esta iniciativa levarase a cabo ao abeiro do convenio de colaboración entre o CLAG e CaixaGalicia, a través da súa Obra Social, asinado esta mañá polo presidente do CLAG, Antón Reixa, e polo director xeral adxunto de Acción Sociocultural de CaixaGalicia, José Manuel García Iglesias, quen declarou que “a dimensión da política audiovisual da Obra Social dende un punto de vista estratéxico para a configuración cultural deste pais. Antón Reixa, pola súa banda, destacou “a dinámica proactiva do CLAG e a tasa de éxito das anteriores edicións do Pitching xá q un 10% dos proxectos presentados foron producidos”.

Con este convenio, o CLAG e CaixaGalicia renovan a súa colaboración por cuarto ano consecutivo, nunha firme aposta da Obra Social polo Plan de Acción do CLAG como dinamizador da industria audiovisual galega. A xornada convertirá A Coruña o 8 de maio nun punto de encontro para creadores, produtores e distribuidores da industria audiovisual europea, e nunha oportunidade estratéxica para os 15 proxectos que se van presentar, seleccionados por un comité de expertos, entre máis de medio centenar de traballos presentados.Os proxectos seleccionados foron dados a coñecer esta mañá na rolda de prensa:

-“Alfonso Graña, o rey do Amazonas”, (longametraxe documental) de La Région S.A.
-“23 F 2.0.”, (ucronía histórica ficción), de Voz Audiovisual.
-“Castillos de arena”, (drama realista ficción), de Xamalú Filmes.
-“Egoístas”, (longametraxe ficción drama), de Peter Domankiewicz.
-“For John´s sake!”, (documental non ficción), de TV Siete
-“La chica de ayer”, (comedia romántica ficción), de Manuel Sanabria e Carlos Villaverde.
– “Lila”, (serie animación infantil ficción), de Cromosoma
-“Little Galicia”, (longametraxe ficción comedia), de Alber Ponte.
-“Los extras”, (sketches humor ficción), de Perro Verde Films.
-“Mar libre”, (longametraxe ficción), de Ficción Producciones
-“Más que amigos”, (comedia ficción) de Cote Soler.
-“No me dejes en paz”, (longametraxe suspense), de Adivina Producciones.
“O747”, (serie de ficción para móbiles), de Interacción
-“Rascayú”, (animación ficción), de Juan Nouche e Angel de la Cruz.
“Todo por un sueño”, (formato), de Continental Producciones.

A IV edición celebrarase precedida das tres anteriores da que saíron títulos de éxito como “O neno de barro”, “Mia Sarah”, “80 anos”, “A Flor máis grande do mundo” ou “Abrígate”, un filme xurdido tamén do pitching promovido polo CLAG que a finais do mes de maio presentarase en A Coruña.

En xullo, I Foro da Industria Española da Animación

Asemade no marco do convenio coa Obra Social de GaixaGalicia, o CLAG organizará en A Coruña o I Foro da Industria Española da Animación os días 2 e 3 de xullo, dentro da programación para este ano de Mundos Dixitais. No Foro daranse cita importantes profesionais e axentes que xogan un papel clave na industria española de animación, desenvolvedores de técnicas de animación, creadores e guionistas, produtores, e empresas de distribución, co obxectivo de abrir unha fiestra ás posibles alianzas empresariais e ao contacto da nosa industria coa doutras comunidades españolas.

No I Foro de Industria Española de Animación servirá, por unha banda, de mostra dos principais proxectos en animación que se están a desenvolver en España e, por outra, de foco de análise desta industria a través de conferencias sobre modelos de negocio, desafíos e perspectivas de futuro empresarial, tecnolóxico, xurídico e análise de mercados.

Complementariamente, o convenio tamén establece liñas de colaboración para o desenvolvemento de accións formativas, entre as que destaca o laboratorio “O autor, o director e o intérprete”, que será impartido por directores, guionistas e actores de contrastada traxectoria e que estará dirixido aos profesionais das artes escénicas.

Categoría: Noticias
Etiquetas: