O show de…, de Samuel Lema, e Birdboy, de Alberto Vázquez, gañaron o IV Festival Galego de Curtas do Concello de Sada, que se celebrou na Casa da Cultura da localidade coruñesa do 26 ao 30 de abril, organizado polo consistorio.
Competían no certame 23 curtametraxes galegas. Un xurado formado por Gabriela Castro, Xoán Costa, Sergio Modia, Arturo López, Alfonso Hernández e Fernando Morán, coma presidente de honra, outorgou o premio á mellor curta de ficción a O show de…, de Samuel Lema. Non quedou aquí o seu triunfo, xa que a obra tamén acadou o premio ao mellor actor (Vicente de Souza). Nembargantes, superárona en recoñecementos Birdboy, de Alberto Vázquez, que levou o premio á mellor curta de animación, así como os de mellor música orixinal (Suso Sáiz) e mellor deseño gráfico (Sebas Fábrega); e A residencia, de Alex Sampayo, que obtivo os de mellor dirección, mellor actriz (Rosa Alvarez) e mellor son (David Machado).
Así mesmo, O dente negro, de Sofía e Nicolás Tarela, alzouse co premio ao mellor guión, obra da citada Sofía Tarela e Paola Beiro; e Fatum!, de Pablo Millán, co premio á mellor montaxe, obra do director. O palmarés do IV Festival Galego de Curtas do Concello de Sada completouse co premio do público para El payaso asesino, de Carlos Babío e Carlos Outon. Tódolos galardóns consisten en diplomas, e as mellares curtas de ficción e animación, e o premio do público, incluían unha dotación engadida de 500 euros en metálico.