AS XORNADAS «RECEPCIÓNS DE HEIDEGGER EN GALICIA» ANALIZAN A INFLUENCIA DE HEIDEGGER NO PENSAMENTO GALEGO

1 / 06 / 2009

Entre os días 3 e 4 de xuño, Carlos Fernández e Jorge Álvarez Yáguez dirixen as xornadas «Recepcións de Heidegger en Galicia» no Consello da Cultura Galega. M. Heidegger foi, sen dúbida, unha das figuras filosóficas que máis influíu na cultura galega do século pasado. Celestino Fernández de la Vega, X. Rof Carballo, Domingo García-Sabell e o propio Ramón Piñeiro, na posguerra, tiveron como pano de fondo do seu labor intelectual o pensamento do filósofo alemán; e, xa posteriormente, a súa influencia déixase notar de modo máis difuso nos escritos de autores recentes.

Estas xornadas pretenden examinar a diversa influencia en Galicia do pensamento de M. Heidegger, distinguindo dous momentos na recepción do seu pensamento, o primeiro na posguerra e o segundo na democracia. Por que nos anos 50 en Galicia se recibe preferentemente a Heidegger e non a outro autor? Que tipo de recepción establece a tradición galeguista con Heidegger e desde que presupostos? Bebeu a filosofía da saudade de Ramón Piñeiro directamente de Heidegger ou foi a súa unha relación máis ben lateral e epidérmica? Que Heidegger se recibe despois e desde que tradicións? Velaquí algunhas das preguntas que tratarán de responder estas xornadas. Esta esculca ficaría eivada se non se acudise ao contexto europeo e español da época para explicar a difusión polimorfa do pensamento dun dos filósofos máis importantes do século XX.

Pode obter información e inscrición en http://consellodacultura.org/?page_id=884

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: